Recrúa a batalla na dereita mediática co cesamento de Pedro J. e con Jiménez Losantos a pedir o voto para Vox

O ambiente de guerracivilismo no seo da dereita mediática é virtualmente irrespirábel: a caverna sempre ten tido unha especial vocación cainita. Esta cuarta feira as redes arderon co anuncio do despedimento de Pedro J. Ramírez como director de El Mundo, o mesmo día en que Federico Jiménez Losantos pedía o voto para Vox.

pedrojota

O estado de descomposición do espazo político e mediático da dereita española xa é inocultábel. Cheira a podre na capital do Estado. Xa non é que todo un vicepresidente do Parlamento europeu abandone o PP para mudarse a Vox, ou que Consuelo Ordóñez, emblema das vítimas de ETA, cuestione a dirección do seu partido en Euskadi. As hostilidades desprázanse agora da política ás súas terminais mediáticas. Axustes de contas. Vellas débedas saldadas. E odio, moito odio sobre o cenario.

Dous blocos en conflito

En realidade, é doado distinguir os dous blocos en conflito. Por un lado, a parella Pedro J. Ramírez, diretor fundador do segundo xornal con maior difusión do Estado, El Mundo, e o seu alter ego Federico Jiménez Losantos, axitador ultradereitista na radiodifusión española. Están claramente aliñados cos sectores máis reaccionarios e españolistas da dereita no Estado. Jiménez Losantos está aínda un paso máis alá do que Pedro Jota -que se colocaría máis na liña de Esperanza Aguirre e Aznar do que da de Vox- e pediu sen rubor este día o voto para o partido fundado por Ortega Lara.

As hostilidades na dereita desprázanse agora da política ás súas terminais mediáticas

Doutro lado, estaría o Grupo Vocento, sediado orixinariamente en Euskadi (dono do moi españolista El Correo Español-El Pueblo Vasco), e que neste momento controla o diario monárquico ABC, dirixido polo ex director de La Voz de Galicia, Bieito Rubido. Canda el está tamén La Razón, un xornal que se fundou cuase como unha reencarnación de El Alcázar, mais que neste momento, e visto o visto, foi até ultrapasado pola dereita pola inefábel parella Pedro J.-Jiménez Losantos. De facto, desde hai meses vense barallando a hipótese de que o ABC e La Razón findarán por se fusionaren.

1.000 millóns de euros de débeda

"El Mundo debe 1.000 millóns de euros e sen Pedro Jota hoxe aínda vale menos", afírmase en sectores mediáticos próximos ao aparato do PP, ao que o entorno de Pedro Jota atribúe o seu cesamento.

Algunhas fontes indican que Rajoy tería realizado fortes presións para provocar o cesamento de Pedro Jota Ramírez. Non sería a primeira vez que tal cousa acontecese. A súa acción foi decisiva tamén no seu día para descabalgar da dirección de Xornal de Galicia a José Luis Gómez, na actualidade editor de Mundiario.Com, pola publicación de fotografías que situaban o hoxe presidente do Goberno, durante unha precampaña, no barco dun narcotraficante. Estas manobras de Rajoy na escuridade virían pór en cuestión a súa imaxe de político desapegado do poder e sen demasiadas pretensións por se manter na lideranza da dereita española.

A acción de Rajoy xa fora decisiva no cesamento de José Luis Gómez ao frente de Xornal de Galicia

As críticas de Pedro Jota a Rajoy son constantes. Nas últimas semanas atribuíulle a responsabilidade de pór a dereita española á beira do seu desmembramento, pondo fin ao reagrupamento que conseguira en tempos Fraga e fortificara Aznar.

Críticas de Pedro J. a Rajoy

Esta cuarta feira, na súa conta twitter @pedroj_ramirez deitou o seguinte chío:

Bdías. Pasará Rajoy á historia como o hombre que fracturou o centro dereita en España destruíndo o PP unido de Aznar? Leva camiño.

O seu correlixionario mediático Jiménez Losantos, custodio do españolismo de dereitas máis esencialista, desenfundou esta quinta feira [tamén en twitter, @J_Losantos] contra todo o que se move:

A saída de @pedroj_ramirez do @elmundo.es é o triunfo dos poderes fácticos: Zarzuela, Moncloa, goberno e oposición.

Apartir de agora, o único dado fiábel a respeito do futuro de Pedro Jota Ramírez é que este domingo dirixirá o seu último número de El Mundo. Fontes próximas a el teñen filtrado que a empresa editora, participada por un conglomerado italiano na órbita de Berlusconi, o indemnizará con 20 millóns de euros, unha cifra máis própria dos top five do mundo do futebol do que do xornalismo.

Un clásico do periodismo español, Pepe Oneto, afirmou esta cuarta feira en Twitter que a indemnización está ligada a que Pedro Jota -impulsor primeiro de Diario 16 e fundador despois de El Mundo- non emprenda ningún proxecto xornalístico, nen en papel nen na Internet.

Comentarios