Recepción antagónica en Fatah e Hamas ao plan de axuda dos EUA

"Recoñecemento de Xerusalén" ou "un truco divisivo".
EuropaPress_3735856_25_may_2021_palestinian_territories_ramallah_palestinian_president_mahmoud
photo_camera Unha foto de Al Aqsa presidiu a reunión entre Blinken e Abbas da pasada terza feira en Ramala (Foto: Thaer Ganaim / APA)

Husein al Sheij, membro do Comité Central de Al Fatah, aplaudiu hoxe a decisión dos Estados Unidos de reabrir o seu consulado en Xerusalén Leste e destacou que "implica o colapso do chamado 'acordo do século'" presentado por Donald Trump.

Al Sheij sinalou en declaracións concedidas á emisora Voice of Palestine que a decisión "é a máis importante" das que adoptou até agora o Goberno de Joe Biden e fixo fincapé en que "envía unha mensaxe clara" de que é parte dos territorios ocupados por Israel desde 1967.

O "acordo do século"', presentado polo entón presidente Donald Trump, sinala a Xerusalén como a capital "indivisíbel" de Israel, que retería o control das colonias xudías e do val do Xordán, mentres que Palestina tería a súa capital nunha zona de Xerusalén Este situada fóra da barreira de seguridade instalada por Israel.

Al Sheij manifestou que a decisión "serve como base para a restauración das relacións normais cos EUA, para que actúe como un actor efectivo e influínte para reiniciar as negociacións a partir das resolucións da ONU".

O encontro desta semana entre o presidente da Autoridade Palestina, Mahmoud Abbas, e o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, encadraríase neste marco de esforzos diplomáticos palestinos fronte ás accións israelís, recolleu a axencia palestina de noticias WAFA.

O anuncio sobre a reapertura do consulado foi realizado na terza feira por Blinken tras o encontro con Abbas, no marco dunha visita á rexión en que tamén se reuniu co primeiro ministro en funcións de Israel, Benjamin Netanyahu.

Blinken desvelou que Washington comunicara tanto a Abbas como a Netanyahu a disposición de Washington de reabrir o consulado en Xerusalén, clausurado tras a decisión de Trump de trasladar de Tel Aviv a Xerusalén a Embaixada dos EUA en Israel.

Ao xesto diplomático sumouse tamén o compromiso de promover unha axuda adicional para os palestinos de 75 millóns de dólares. Deste diñeiro, 32 millóns corresponderían a unha axuda humanitaria, e 5,5 millóns irían parar a Gaza para paliar os estragos dos recentes combates.

"Busca dividirnos"

Porén, para a organización que goberna na Faixa, Hamas, o plan dos EUA de canalizar a través da Autoridade Palestina a axuda para a reconstrución xerou rexeitamento. O partido-milicia reivindicou os seus dereitos de xestión fronte aos "trucos" que, segundo a súa opinión, se agochan detrás dos últimos movementos.

Así o expresou nesta terza feira o xefe de Hamas en Gaza, Yehya al Sinwar. "Nunca caeremos neste truco, atacarémonos os uns aos outros", sinalou nunhas declaracións aos medios en que acusou a Blinken de tentar dividir as dúas grandes agrupacións palestinas, que nas últimas semanas evidenciaran de novo as súas diferenzas a conta da preparación de novas eleccións.

Estados Unidos considera a Hamas unha organización terrorista, polo que deixou claro que calquera futura axuda non pode en ningún caso acabar servindo en beneficio desta organización. En cambio, apostou por intermediarios e por reforzar a capacidade da Autoridade Palestina que dirixe Abbas, responsábel de Cisxordania.

O Departamento de Estado estadounidense volveu insistir onte a través dun comunicado asinado por Blinken que os futuros fondos deberán "ser administrados de forma que beneficien a poboación palestina, non a Hamas, que só levou miseria e desesperación a Gaza". 

Comentarios