O bloqueo de Israel e o 'establishment' da ANP pon en risco as eleccións en Palestina

A cidadanía de Palestina afronta un dobre reto á hora de exercer a súa vontade democrática: por unha banda, as trabas que a potencia ocupante pon para que se vote en Xerusalén Leste; pola outra, a casta política que goberna a Autoridade Nacional Palestina, que ameaza con cancelar os primeiros comicios en 15 anos.
EuropaPress_3556310_10_february_2021_palestinian_territories_gaza_city_employees_of_the
photo_camera Comprobación de datos dun cidadán no censo electoral de cara ás eleccións, o 10 de febreiro en Gaza (Mohammed Talatene / dpa)

O pasado 15 de xaneiro, o presidente palestino, Mahmoud Abbas, anunciaba a convocatoria de eleccións parlamentarias e presidenciais ─as primeiras en 15 anos─ tras un acordo co partido islamista Hamas para pór fin ás divisións internas que caracterizaron a política do país nos últimos tempos. Un movemento forzado ademais polas críticas ante a falla de lexitimidade das institucións de Palestina, incluída a presidencia de Abbas. 

Dous meses e medio despois, os comicios están no aire. En principio, o 22 de maio están convocadas as lexislativas e o 31 de xullo elixiríase o xefe do Estado. Porén, os últimos acontecementos ameazan a súa realización. Ou que o resultado sexa lexítimo. 

Abbas, do partido Al Fatah (secular, nacionalista de centroesquerda), oficialmente é presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), creada en 1994 en cumprimento dos Acordos de Oslo, que asinaran un ano antes Israel e a Organización pola Liberación de Palestina (OLP). O Goberno israelí estaba presidido na altura por Isaac Rabin, asasinado dous anos despois por un xudeu ultraortodoxo de extrema dereita oposto aos acordos; e a OLP, por Iasir Arafat, líder histórico deste movemento armado nacido en 1964. A ANP é o partido maioritario dentro da OLP.

O pacto estabelecía, por parte da OLP, o dereito de Israel a existir e a renuncia á loita armada; e, por parte de Israel, o recoñecemento de Gaza e Cisxordania como entes autónomos. Así nace a ANP, o organismo de autogoberno sobre estes dous territorios. Porén, en Cisxordania ten unha capacidade de xestión limitada pola presenza da potencia ocupante, Israel. E en Gaza, desde os comicios de 2006, é Hamas quen exerce o Goberno.

Acoso a Hamas

Aquí xorde o primeiro problema para o éxito do proceso democrático. O resultado daquela non satisfixo nin Israel, nin os EUA, e levou a unha guerra entre Al Fatah e Hamas, conflito que se estendeu durante estes tres lustros para satisfacción israelí. Daquela, ducias de membros electos de Hamas foron encarcerados (algúns aínda continúan en prisión). Hamas, acrónimo en árabe de Movemento de Resistencia Islámica, está clasificada como terrorista para, entre outros, Israel, os EUA e a UE.

Ante a posibilidade de que a historia se repita, Tel Aviv xa comezou a manobrar. Segundo informou na cuarta feira a TV pública israelí, KAN, o xefe do Shin Bet, o servizo de intelixencia israelí, pediu a Abbas cancelar as eleccións se participaba nelas Hamas. Este teríase negado. E o 22 de febreiro, informou a axencia turca, Anadolu, 20 activistas e cargos de Hamas foron detidos en Cisxordania.

Disidencias en Al Fatah

Este é un dos tres pés do gato. O segundo sería o que afecta o poder que ostenta Abbas e toda unha serie de cargos que teñen acceso ás importantes doazóns de países contribuíntes á ANP. 

A xestión deste diñeiro leva anos a ser cuestionada, con frecuentes acusacións de corrupción e de caciquismo. Cómpre lembrar que a ANP tiña data de caducidade ─cinco anos de transición até a creación do Estado palestino─ e que o mandato de Abbas, elixido en 2006, era de catro anos.

O reinado de Abbas está ameazado agora, xa non só por Hamas, senón pola disidencia interna. Na cuarta feira, Marwan Barghouti, un alto cargo de Al Fatah encarcerado en Israel e moi querido entre a poboación, anunciaba que concorrerá aos comicios. A Lei Básica Palestina permite aos presos participaren nas eleccións (entre outras cousas, porque a maioría dos líderes están encarcerados).

Barghouti ─condenado en 2004 a cinco cadeas perpetuas e 40 anos de cárcere por tres ataques en Israel durante a Segunda Intifada─ irá na lista "Liberdade". Lidéraa Naser Al Qudwam ─sobriño de Arafat─ que foi cesado o 10 de marzo do Comité Central de Al Fatah tras anunciar a súa decisión de presentarse como candidato independente ás eleccións.

Segundo a enquisa publicada esta semana polo Centro Palestino para a Investigación de Políticas e Enquisas, Hamas lograría 27% dos votos, Al Fatah 24% e unha hipotética lista de Barghouti ─aínda non comunicara que iría con Al Qudwa─ 20%. E de se presentar aos comicios do 31 de xullo, Barghouti sería elixido presidente. Circunstancia que podería forzar a Al Fatah e Hamas a negociaren unha lista conxunta. 

E Xerusalén Leste?

E a terceira ameaza para os comicios vén de novo de Israel. Unha opción á que se podería aferrar como último recurso Abbas se ve perigar a súa continuidade. As autoridades palestinas levan tempo insistindo en que as votacións non se poden desenvolver sen a participación dos palestinos residentes en Xerusalén Leste. 

Mais Israel, que considera Xerusalén ao completo como a súa capital, négase en rotundo, e calquera cesión neste sentido socavaría a súa reclamación de soberanía sobre a cidade. Ademais, o Goberno israelí leva semanas bloqueando o acceso aos observadores electorais da UE, que "non recibiu resposta nas últimas sete semanas", segundo acaba de informar Bruxelas, que colabora co proceso de votación palestino tamén de forma económica.

Israel sempre acusou as faccións palestinas de non se poren de acordo para a organización dos comicios. Agora, Abbas podería argüír o bloqueo israelí para seguir mantendo o statu quo, que tanto interesa a Tel Aviv. 

A esquerda non logra unha lista conxunta

As últimas semanas de negociacións non conseguiron que as formacións palestinas de esquerda lograsen chegar a un acordo para uniren forzas e presentaren unha lista conxunta ás eleccións lexislativas do 22 de maio. 

Deste modo, a Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), a Fronte Democrática para a Liberación de Palestina (FDLP), o Partido do Pobo Palestino (PPP) e a Iniciativa Nacional Palestina (INP) concorrerán por separado. En tanto que a Unión Palestina Democrática (FIDA) irá na lista de Al Fatah. Os tres primeiros ocupan posicións máis á esquerda, e os dous últimos adscríbense á socialdemocracia.

Nas eleccións de 2006, a FPLP logrou 3 deputados no Consello Lexislativo (de 132); a FDLP 1; o PPP 1; e a INP 2. Todas fan parte da OLP. Hamas ten 74 e Al Fatah 45.

Comentarios