luns 18/10/21

Blinken ratifica en Xerusalén que a seguridade de Israel é prioritaria

O secretario de Estado dos EUA anuncia tamén que se reabrirá na cidade o consulado para Palestina.
EuropaPress_3735521_handout_25_may_2021_israel_jerusalem_us_secretary_of_state_anthony_blinken
Blinken e Netanyahu, hoxe no seu encontro en Xerusalén (Foto: Haim Zach / GPO / dpa)

O secretario de Estado (ministro de Exterior) dos EUA, Antony Blinken, reiterou esta terza feira o dereito de Israel a "defenderse", tras o lanzamento de morteiros polas milicias de Gaza e o posterior bombardeo da Faixa. Fíxoo en Xerusalén nunha conferencia de prensa conxunta co primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, no inicio dunha xira pola rexión para "consolidar" o cesamento do fogo entre Hamas e Jihad Islámica e Israel, e "reducir os riscos dun novo conflito".

Posteriormente reuniuse co presidente da Autoridade Palestina, Mahmoud Abbas, ao que anunciou a reapertura en Xerusalén do consulado dos EUA para os palestinos. Tamén figuraban na súa axenda reunións en Xordania e en Exipto. 

Blinken dixo que un dos seus obxectivos é "demostrar o compromiso dos EUA coa seguridade de Israel e comezar a traballar cara a unha maior estabilidade e reducir as tensións en Cisxordania e Xerusalén".

Tamén salientou que outro dos obxectivos é "apoiar a axuda urxente a nivel humanitario e de reconstrución de Gaza.

"Somos conscientes de que para previr un regreso á violencia temos que usar o espazo creado para xestionar unha serie maior de temas e retos latentes", declarou. "E iso comeza con afrontar a grave situación humanitaria en Gaza e iniciar a reconstrución".

Porén, Blinken quixo deixar claro que pretenden asegurarse de que Hamas ─na lista estadounidense de "organizacións terroristas"─ non se beneficia desta axuda humanitaria, aínda que non aclarou como o farán tendo en conta que Hamas goberna e controla amplamente Gaza.

Polo momento, tras cinco días, a tregua mantense. Netanyahu, con Blinken ao seu carón, sinalou aos medios que habería unha "resposta moi potente" se Hamas retomaba o lanzamento de morteiros a través da fronteira.

Palestino morto a tiros

Mantense a tregua e mantense a ocupación israelí e as súas consecuencias. Segundo informou a canle de TV árabe Al Jazeera, un home palestino foi abatido a tiros polas forzas israelís en Ramala, na ocupada Cisxordania, poucas horas antes da chegada de Blinken á rexión.

Ahmad Jamil Fahd, do campo de refuxiados de Al-Amari, recibiu os disparos dun comando infiltrado (caracterizados como civís palestinos). Un portavoz israelí defendeu que fora abatido cando prestaba axudaba a "terroristas" durante un arresto

Desde Fatah aseguraron que non estaba a ser buscado pola Policía e que lle dispararon cando regresaba ao coche duns amigos despois de ir comprar kanafehs (un doce local típico). 

comentarios