Raxoi nega ter triturado documentos da caixa B

Mariano Raxoi declara na Audiencia Nacional sobre a contabilidade B do PP e di que é "falso de toda falsidade" que sexa  o "M.R." que aparece nas anotación de Luis Bárcenas, así como todo o que se lle imputa neses documentos, tanto ás siglas "M.R." como á súa persoa. 

O ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente do Goberno español, Mariano Raxoi (Foto: Europa Press)

"É falso”, dixo o ex presidente do Goberno español Mariano Raxoi que sexa o "M.R." que aparece nas anotacións da contabilidade paralela do PP de Luis Bárcenas, así como todo o que se lle imputa neses documentos, tanto a esas siglas como á súa persoa.

Así o aseverou esta cuarta feira, 24 de marzo, na súa comparecencia como testemuña no xuízo da Audiencia Nacional polo presunto pagamento da reforma da sede do PP con diñeiro da caixa B do partido. Raxoi declarou que "non houbo caixa B do PP" e que "nunca" escoitou falar desa suposta contabilidade paralela, e deslizou a posíbel responsabilidade cara ao ex tesoureiro ao indicar que, en todo caso, "haberá uns papeis de Bárcenas" e non do PP.

"E, por suposto, nunca triturei o que nunca tiven nas miñas mans", dixo en alusión a unha confesión de Bárcenas segundo a cal tería entregado a Raxoi documentos da contabilidade paralela. Acto seguido Raxoi teríao reprendido por levala e destruíuna cunha trituradora. 

"Vostede coñece Pablo Crespo?", preguntou a acusación no xuízo, ao que o ex presidente respondeu afirmativamente. "Hai unha achega de 21 millóns que aparecen nos papeis", preguntóuselle por un pagamento procedente do PP galego. "Sabe como se levou ese diñeiro á sede nacional do PP?", "Non", dixo Raxoi. "Bárcenas di que Álvaro Lapuerta [ex tesoureiro xa falecido] se trasladou persoalmente a buscalo a Galiza e así visitar Manuel Fraga". "Non teño nin idea", respondeu. 

"Haberá uns papeis de bárcenas, non do PP", di Raxoi

"Coñece Angel Piñeiro?", preguntóuselle. "Coñézoo. Ao mellor foi xerente do partido, non tiña cargo, traballaba comigo...", sinalou. "Pois Bárcenas dixo que hai un montón de transferencias, que sumarían 100 millóns, e que era home de confianza seu. Bárcenas di que desde Galiza [Piñeiro] traía esas cantidades" á sede estatal e que logo "se transferían". Raxoi volveu asegurar non saber nada. 

Sobre os dous sobres de 25.000 euros que Bárcenas declarou ter  entregado a Raxoi e a De Cospedal, procedentes da entrega en negro de 180.000 euros para devolver un embargo do PP de Pontevedra, Raxoi negou coñecer a existencia dese embargo (algo que De Cospedal si confirmou) e negou, ao igual que ela, ter cobrado sobresoldos

Antes que Raxoi declarou o ex presidente español José María Aznar, que só puxo a man no lume por si mesmo, negando ter cobrado sobresoldos mais avisando: "Nin sei o que fixeron os meus sucesores nin me interesa".

Comentarios