Puigdemont reaparece libre en Sardeña e reúnese co presidente da illa

O ex president catalán di que “está acostumado a ser perseguido por España, mais o final é sempre o mesmo: son libre e vou continuar loitando”.

Carles Puigdemont reaparece publicamente tras ser liberado (Foto: Lorena Sopena / Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont reaparece publicamente tras ser liberado (Foto: Lorena Sopena / Europa Press)

O ex president da Generalitat Carles Puigdemont foi recibido este sábado 25 de setembro en Alguer (Sardeña) por cidadás e cidadáns que entoaron o himno de Catalunya, Els segadors, na súa reaparición pública após ser liberado pola xustiza.

Puigdemont dirixiuse Alguer para participar nos actos do festival Adifolk, onde se reuniuse con distintas autoridades como o rexedor de Alguer, Mario Conoci (que o recibiu no Concello entre aplausos da veciñanza) e o presidente de Sardeña, Christian Solinas.

En declaracións aos medios, Puigdemont dixo que “está acostumado a ser perseguido por España, mais o final é sempre o mesmo: son libre e vou continuar loitando”. O ex presidente mantivo así a súa axenda do sábado, un día despois de saír da prisión, e está citado para o día 4 de outubro polas autoridades xudiciais italianas para a primeira vista sobre  a súa extradición.

A Corte de Apelacións de Sassari (Sardeña) emitiu unha providencia con data de 24 de setembro pola que ordenou a "liberación inmediata" do ex president da Generalitat e citouno para unha vista a 4 de outubro ás 11.30 horas para decidir sobre a súa extradición a España. Sostén a presidenta da Corte, Plinia Azzena, que Puigdemont segue gozando da inmunidade propia dun europarlamentario e por tanto debe prevalecer o seu dereito para viaxar libremente para participar en reunións do Parlamento Europeo, "garantidas pola inmunidade, aínda intacta".

"España non perde nunca a oportunidade de facer o ridículo", dixo Puigdemont en relación á súa detención. Este sábado encontrarase ademais co president da Generalitat, Pere Aragonès, e o vicepresident, Jordi Puigneró, que se desprazaron en barco á illa de Sardeña para reunirse con el e mostrarlle o seu apoio. Este domingo Puigdemont será recibido por alcaldes do centro da illa, a zona máis independentista.

O vicepresident Puigneró, nunha entrevista en TV3, afirmou que pode haber unha "conxura" entre o aparato xudicial español e o Goberno de Pedro Sánchez pola detención de  Puigdemont. Para o vicepresident é estraño que o Tribunal Supremo non desactivase a euroorde contra  Puigdemont cando o Goberno informara diso. "Veremos quen mentiu e se houbo conxura", unha cousa que para el sería moi grave, nas súas palabras.

Puigneró volveuse amosar escéptico coa mesa de negociación entre o Executivo estatal e o catalán, sinalando que o Goberno español “non cre na mesa de diálogo”. Engadiu que considera "moi difícil dialogar con alguén que mantén instrumentos de represión como as euroordes".

Pola súa banda, o ex vicepresident catalán e líder de ERC Oriol Junqueras defendeu este sábado a continuidade da mesa de diálogo entre o Executivo de Pedro Sánchez e a Generarlitat catalá, aínda que denunciou que non é o ambiente adecuado coa detención de Carles  Puigdemont, e pediu que se traballe para propicialo.

Aliás, o portavoz do PSOE no Congreso, Héctor Gómez, quixo recalcar nun entrevista en RNE que a detención de Puigdemont en Sardeña afecta só o ámbito xudicial e desvinculouna da negociación dos Orzamentos Xerais para 2022. Gómez respondeu así ao ser preguntado se o arresto de Puigdemont vai complicar a negociación con ERC das contas públicas.

Comentarios