Puigdemont podería dar marcha atrás á convocatoria eleitoral se a Moncloa mantén o 155

Continúan o suspense e as reviravoltas. O PSOE propón no Senado a suspensión do 155 se Puigdemont convoca eleccións. O PP, aberto á idea se o president fai explícita a asunción do marco estatutario e constitucional. PUIGDEMONT COMPARECERÁ FINALMENTE ÁS 17 HORAS NO PARLAMENT.

Puig
photo_camera Puigdemont [Foto: NacioDigital]

Hai pleno no Parlament ás 18 horas (acaba de se aprazar unha hora, inicialmente estaba previsto ás 17) e hai pleno no Senado á mesma hora. O primeiro en teoría ía ser para proclamar a independencia. Agora podería ser o foro en que Puigdemont explicase por que convoca eleccións anticipadas sen facer a DUI. Na Cámara alta, mentres, vaise substanciar o desenvolvimento do artigo 155 da Constitución española, o que faculta ao Estado para suspender o autogoberno de Catalunya e tomar o control de institucións tan decisivas para a autonomía como os Mossos d'Esquadra ou os meios de titularidade pública.

Mais á hora en que rediximos estas liñas nada é seguro. Puigdemont está a repensar a súa decisión de convocar as urnas. Non o fará finalmente se non recebe garantías por parte do Estado da non activación do 155.

O president, que está a viver horas de infarto, con continuas idas e vidas, comparecerá finalmente ás 16 horas perante os meios nun corredor do Palau da Generalitat. Neste mesmo momento se está a realizar a xunta de portavoces da cámara, presidida pola titular do órgao lexislativo catalán, Carme Forcadell.

O movemento soberanista e democrático aglutinado pola Taula per la Democràcia está pendente da realización desta comparencia para convocar ou non concentracións de protesto.

EN AMPLIACIÓN

Comentarios