As protestas forzan Erdogan a recuar no roubo dunha Alcaldía aos prokurdos

A forza progresista gañou en tres metrópoles.
Protesta onte en Van contra a decisión do organismo electoral. (Foto: DEM)
photo_camera Protesta onte en Van contra a decisión do organismo electoral. (Foto: DEM)

Decenas de milleiros de persoas saíron a cuarta feira por segundo día a protestar na metrópole de Van, no territorio kurdo enmarcado no Estado turco, contra a decisión da Suprema Xunta Electoral, que a terza feira, dous días despois das eleccións locais, aceptou unha reclamación do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP) do presidente Recep Tayyip Erdogan e inhabilitou Abdullah Zeydan, do prokurdo Partido pola Igualdade e a Democracia dos Pobos (DEM), informou a axencia Mezopotamya.

A pesar de que Zeydan gañou os comicios con 28 puntos de vantaxe con respecto ao seu rival do AKP, Abdullah Arvas, o organismo electoral ofreceu a Alcaldía a este último tras avalar antes dos comicios a elixibilidade de Zeydan. Tras as masivas protestas, o DEM confirmou que a Xunta deu marcha atrás e concedeu o mandato a Zeydan.

O partido predecesor do DEM, que naceu ante a persecución das forzas kurdas, impuxérase en 2019 na urbe. Porén, a alcaldesa Bedia Özgökce Ertan foi destituída pouco despois e condenada a 30 anos de prisión acusada de apoiar o terrorismo.

Comentarios