Falece o preso corso Yvan Colonna polas feridas da agresión que sufriu hai tres semanas

O nacionalismo corso xa convocou novamente manifestacións para protestar polo presunto asasinato de Colonna, e para volver pór no foco as reivindicacións do movemento independentista de Córsega.
Manifestación en Córsega a prol da liberación de Yvan Colonna. (Foto: AFP)
photo_camera Manifestación en Córsega a prol da liberación de Yvan Colonna. (Foto: AFP)

O avogado da familia do preso corso Yvan Colonna confirmou á axencia Agence France-Presse (AFP) o pasamento do histórico nacionalista e independentista, debido ás feridas que sufriu nunha brutal agresión que lle propinou outro preso hai tres semanas.

Colonna, que se atopaba en coma desde comezos de mes, cumpría pena de prisión no cárcere de Arles, cando o 2 de marzo un compañeiro de prisión, acusado de 'yihadismo', intentou asfixialo mentres o corso facía exercicio nun patio.

A falta de oxíxeno en corazón e cerebro fixo que o nacionalista entrase en coma, polo que tivo que ser trasladado até o hospital de Marsella. Condenado a cadena perpetua, a Xustiza francesa decidiu suspender a pena o 17 de marzo debido a súa condición médica, e para intentar calmar as protestas do nacionalismo corso.

Precisamente, as autoridades de Córsega denunciaron que o Estado francés non fixo todo o posíbel para protexer a Colonna, xa que o agresor puido chegar até o falecido sen que os funcionarios de prisión fixesen nada para evitalo.

Protestas en Córsega 

Unha vez se fixo pública a malleira contra o nacionalista, foron convocadas varias manifestacións en diferentes puntos da illa para protestar contra a inacción do Goberno francés á hora de protexelo.

Durante as concentracións, disoltas pola policía francesa, resultaron feridas ducias de persoas, incluídos os axentes de seguridade, e producíronse varias detencións entre os independentistas corsos alí presentes.

O Estado francés xa saiu ao paso após o pasamento de Yvan Colonna, e instou a adoptar unha postura de "calma" e "diálogo" en Córsega para intentar evitar que se produzan as mesmas imaxes que durante as dúas primeiras semanas de marzo.

Pola súa parte, o nacionalismo corso convocou novamente manifestacións para protestar polo presunto asasinato de Colonna, e para volver pór no foco as reivindicacións do movemento independentista de Córsega.

Comentarios