O nacionalismo atinxe 46 dos 63 representantes da Asemblea de Córsega

Contundente vitoria da candidatura do presidente saínte, Gilles Simeoni, Fa Populu, que obtén 32 deputados. O independentismo de Core in Fronte atinxe 6 parlamentares e a alianza entre PNC e Corsica Libera, 8.

Corsega Simeoni
photo_camera Simeoni nun mitin en Bastia (Foto: Fà Populu Inseme)

Contundente vitoria nas eleccións corsas das candidaturas propias, até tal punto que a representación das forzas francesas limítase a 17 deputados do total de 63 que compoñen a Asemblea de Córsega.

A segunda volta dos comicios deixa unha Asemblea con maioría absoluta da lista liderada polo presidente corso saínte, Gilles Simeoni, que logra 32 deputados e deputadas após apañar máis de 40% dos votos. ‘Fa populu Inseme’ presentábase como unha candidatura cidadá, valedora do autonomismo corso e o autogoberno polo que aposta Simeoni.

En segundo lugar, o actual alcalde de  Ajaccio, Laurent  Marcangeli, que á fronte dunha lista de dereitas (Un Soffiu  Novu) compactou a fronte pro-Francia da política da illa, mais só acadou o 32,02% dos apoios nas urnas.

As forzas propias desta illa, que Francia se anexionou cara a finais do século XVIII  fanse con aproximadamente o 70% da representación

‘Avanzemu’, liderada polo alcalde de Porto Vecchio, Jean- Christophe  Angelini, obtivo 15% dos votos e 8 deputados e deputadas na Asemblea. Esta candidatura unía a esquerda nacionalista do PNC e a independentista Corsica Libera, mais os resultados son máis baixos do agardado. Ambas as dúas forzas sumaban 23 representantes na anteruior lexislatura.

A lista independentista Core in Fronte que tanto na primeira como na segunda volta presentouse en solitario co seu líder  Paul-Felix  Benedetti obtivo o 12,26% dos votos, e terá 6 deputados e deputadas.

Así pois, as forzas propias desta illa, que Francia se anexionou cara a finais do século XVIII, e cunha extensión menor que a provincia de Lugo e poucos máis habitantes (320.000) que Vigo, fanse con aproximadamente o 70% da representación.

Comentarios