Opinión

Córsega muda Francia

O intento de asasinato do preso independentista Yvan Colonna provocou un autentico terremoto político na illa. A política de reclusión en prisións afastadas, a mesma que sofren moitos presos vascos, e o mantemento dunha categoría penitenciaria especial , condenada polo Consello de Europa, crearan un grande malestar que estourou cando un reo tentou asasinar Colonna dentro dunha prisión de máxima seguridade, mais, como se viu, nada segura.

O estourido social nas rúas, que acusaron de asasino o estado francés, foi de tal calibre que na cuarta feira, nun xiro moi sorprendente, o ministro de interiores francés recoñeceu a culpabilidade do estado nos feitos e anunciou que se, Macron gañar as eleccións, está disposto a falar da autonomía de Córsega, até o de agora un tema tabú.

Córsega xa goza dun estatuto especial, único no marco do estado francés e se se cumpre a promesa apartarase máis aínda da norma. Mais o debate é interesante para todos os pobos que convivimos no estado francés. No norte do País Vasco hai tempo que está en marcha unha consolidación institucional moi importante. E no norte de Catalunya está a exporse un referendo para incorporar o xentilicio nacional ao nome oficial do departamento dos Pireneos Orientais. 

Son mostras todas elas dun avance da conciencia lingüística e nacional no estado francés que está a romper moldes. A polémica recente sobre a lei que ía permitir a escolarización nas nosas linguas cambiou moitas cousas. Por un lado, moita xente tomou conciencia de que no estado francés as nacións cualificadas como minoritarias representamos a maioría da poboación. E por outro o tradicional centralismo de París revelouse abertamente como unha posición política nacionalista francesa, excluínte das outras nacións.

Haberá que seguir, pois, o que acontece en Córsega. Con moita atención.

Comentarios