A prensa vasca pide respecto aos dereitos humanos e un xuízo xusto para Pablo González

A iniciativa da Asociación e o Colexio Vasco de Xornalistas, os medios 'Berria', 'Gara', 'Diario Noticias de Navarra', 'Deia', 'El Diario Vasco', 'El Correo', 'Diario Noticias de Álava' e 'Diario Noticias de Gipuzkoa' veñen de publicar un escrito conxunto.

O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia, uns días antes de ser detido (Foto: @PabVis).
photo_camera O xornalista vasco Pablo González, desde Polonia, uns días antes de ser detido (Foto: @PabVis).

A iniciativa da Asociación e o Colexio Vasco de Xornalistas, os directores da Prensa Vasca veñen de elaborar un comunicado no que exixen o respecto aos dereitos humanos e garantías procesais do xornalista Pablo González, detido en Polonia baixo a acusación de ser un espía ruso,  e que leva máis de 6 meses encarcerado en prisión preventiva, incomunicado w sometido a un réxime penal moi duro. 

O comunicado, que se dirixe “á sociedade vasca, ás súas institucións e ás autoridades europeas” explica as circunstancias baixo ás que foi arrestado o xornalista, cando estaba traballando como reporteiro en Polonia, informando sobre o éxodo da poboación ucraína tras a invasión rusa. González González é un experto neste terreo e os seus traballos xornalísticos sobre o tema foron publicados en diferentes medios de comunicación. 

 

A seguir, o manifesto explica que, “Até o de agora, non se presentou ningunha proba que xustifique a súa detención e encarceramento”. 

“As condicións de vida que Pablo González padece en prisión son inaceptábeis”, continúa o comunicado. “Sofre un réxime de incomunicación, non recibe correspondencia con normalidade, non se lle permiten visitas familiares e ten problemas para comunicarse coa seus avogados. Neste caso estanse vulnerando a liberdade de prensa, o dereito á defensa e os dereitos máis básicos das persoas detidas que están recollidos en diferentes normas e tratados da Unión Europea e das Nacións Unidas”. 

“Como directores de periódicos vascos, defendemos eses principios democráticos, os dereitos humanos e exiximos que, desde a presunción de inocencia, se apliquen no caso de Pablo González”, piden os directores da prensa vasca. 

O comunicado remata coa petición “a todas as institucións implicadas que fagan un esforzo pola súa liberación e para garantir que teña un proceso xudicial xusto e transparente, con independencia do resultado”. 

Igualmente, os representantes dos medios vascos, reiteran a necesidade de que, “en calquera circunstancia ou emerxencia, se permita traballar aos medios de comunicación e aos/as xornalistas con liberdade, seguridade e plena garantía de respecto a los dereitos humanos”. 

“A guerra non pode ser escusa para coutar a liberdade de expresión e o dereito da cidadanía á información”, rematan.

Asinan o comunicado José Miguel Santamaría, de El Correo, David Taberna, de El Diario Vasco, Iñaki González, de Deia, Iñaki Soto, de Gara, Martxelo Otamendi, de Berria. Marta Martín, do Diario de Noticias de Álava, Eduardo Iribarren, do Diario de Notícias de Guipuzkoa e Joseba Santamaría, do Diario de Noticias de Navarra.

Comentarios