A Xustiza polaca amplía outros tres meses a condena do xornalista Pablo González

"Segue incomunicado e sen que se coñezan as supostas probas que terían... só tentan dobregar a súa vontade", dixo o seu avogado, Gonzalo Boye.
O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis)
photo_camera O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis / Twitter)

O tribunal rexional de Przemysl, en Polonia, que estudaba a petición da Fiscalía de estender a prisión provisional do xornalista vasco Pablo González, acordou ampliar por tres meses esta medida cautelar, segundo veñen de confirmar a Europa Press fontes da súa defensa.

Pablo González foi detido en Polonia o pasado 28 de febreiro cando se atopaba dando cobertura informativa á guerra en Ucraína. Nesta terza feira, o seu letrado, Gonzalo Boye, lamentou a través de Twitter a noticia e que, ademais, o seu cliente siga incomunicado.

"E segue incomunicado e sen que se coñezan as supostas probas que terían... só tentan dobregar a súa vontade", apuntou o avogado.

Desde a súa detención, o xornalista atópase incomunicado no cárcere de Rzeswów, acusado dun delito de espionaxe que recolle o apartado 1 do artigo 130 do Código penal polaco.

Esa prisión provisional foise prorrogando cada tres meses, a última vez en xuño. Tras a detención, amigos e familiares do xornalista comezaron a reunir firmas a través da plataforma Change.org para reclamar "que se respecten os seus dereitos" e alcanzaron xa máis de 41.500 apoios.

"Pedimos que se respecten os seus dereitos humanos, como os de calquera cidadán: que poida comunicarse coa súa familia, ter asistencia legal e que se respecte a súa presunción de inocencia, entre outras cousas", reza a petición nesa web.

O pasado xullo o Tribunal de Apelación de Rzeszów rexeitou a demanda de apelación presentada pola defensa do correspondente vasco.

Comentarios