A pobreza en Portugal cabalga ao lombo da Covid

De 2018 a 2019, a porcentaxe de de risco de pobreza diminuíra un punto até se situar en 16,2% da poboación. Porén, a chegada da pandemia da Covid-19 provocou unha notábel repunta: en 2020, 18,4% dos 10,3 millóns de habitantes de Portugal estaban nesta situación crítica. 
loures_lisboa_pobreza
photo_camera Bairro da Torre de Loures, na área metropolitana de Lisboa. A pandemia supuxo un lastre para loitar contra un problema estrutural (Foto: Paulete Matos / BE)

Son especialmente as mulleres e as persoas maiores as máis afectadas, así como as familias en xeral, segundo un estudo da Universidade Nova de Lisboa, que sitúa en case dous millóns as persoas cunha "privación severa de necesidades humanas básicas", segundo a definición que a ONU fai da pobreza.

Nomeadamente, foi un aumento de 2,6%, entre os anciáns; e de 2,5% entre a poboación feminina. Nos núcleos familiares medrou 2,7%, un dato dramático nos monoparentais: dun ano para outro subiu 4,7% até 30,2%. É dicir, unha de cada tres casas con crianzas e un só proxenitor estiveron en risco de pobreza durante o primeiro ano da pandemia.  

Son datos provisorios do Instituto Nacional de Estatística recollidos no informe Portugal, Balanço Social 2021 – Um retrato do país e de um ano de pandemia da facultade Nova School of Business & Economics da institución académica lisboeta, que detalla que a taxa de risco de pobreza chegou a 46,5% das persoas desempregadas. Isto é, 5,8% máis que en 2019.

Isto a respecto das variacións causadas pola Covid-19, porque outro dato analizado é o da pobreza persistente: a porcentaxe da poboación que vivía nesta situación crítica no ano analizado, 2020, e tamén nos tres anos anteriores. Segundo o informe, "60% das pessoas pobres em 2020 estavam numa situação de pobreza persistente", e destas "6% nunca saiu da situação de pobreza no período de quatro anos entre 2016 e 2019".

É moi relevante, mais non determinante, a situación laboral destas persoas: se ben un de cada tres desempregados é pobre, tamén o é un de cada dez dos que si teñen emprego. "40,6% dos indivíduos pobres vivem em agregados onde se trabalha a tempo inteiro", apunta o informe presentado nas últimas horas.

Outro dato, a respecto da desigualdade: no Portugal pre pandemia, 25% dos mais ricos acumulaban 42% do capital do país, cifra que aumentou até case 46%. 

A voltas coa absoluta nas eleccións

"Para servir bem Portugal e servir bem os portugueses, não precisamos de uma vitória qualquer, precisamos de uma vitória com uma maioria absoluta". António Costa reafirmaba, con todas as letras, a meta do PS para os comicios do 30 de xaneiro. Fíxoo durante un acto de campaña na Madeira, onde se referiu ao problema da pobreza, que enmarcou nas "feridas económicas e sociais" provocadas pola pandemia. Afirmou que malia as medidas do Goberno, "recolocou" moitas persoas nesta situación. "O que temos que fazer é voltar a fazer aquilo que já fizemos e ir mais além", sostivo.

Mais para as formacións á súa esquerda, como o PCP, trátase dun problema estrutural que require de medidas firmes a respecto da suba dos salarios, do reforzo da escola pública e da baixada de impostos en sectores específicos como o da enerxía. Medidas que, especialmente pola intensidade e as contías, impediron o acordo da ex geringonça para aprobar o Orçamento do Estado 2021. Para o BE ese acordo, por máis que insista Costa, terá que darse tras o 30 de xaneiro, a non ser que ─dixo a súa líder, Catarina Martins, en entrevista en Antena 1─ que o procure coa dereita.

Comentarios