Drons de Corea do Norte entran no Sur e avanzan até a capital

Ningún dos aparellos foi derribado por Seúl, nunha situación que non se producía desde 2017 e que amosa a escalada de tensións na zona. Ao tempo, a China desenvolveu exercicios militares na contorna de Taiwán.
Dron militar ucraíno. (Foto: Evgen Kotenko / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Dron militar ucraíno. (Foto: Evgen Kotenko / Zuma Press / ContactoPhoto)

Até cinco drons norcoreanos entraron onte no espazo aéreo de Corea do Sur; un deles chegou a sobrevoar a localidade de Seúl, nunha nova fase das tensións en incremento entre ambos os dous países desde o comezo dos exercicios militares conxuntos entre surcoreanos e estadounidenses a finais de agosto.

O Estado Maior do Exército surcoreano, citado por medios internacionais, sinalou que a detección dos drons provocou a suspensión dos voos civís arredor dunha hora, incluíndo a paralización dos principais aeroportos internacionais do país, Gimpo e Incheon.

Após localizalos na contorna de Gimpo, Paju e Ganhwa, na provincia de Gyeonggi, Seúl lanzou unha operación para derribalos, co despregue de helicópteros e avións de combate e máis de 100 disparos de advertencia, porén, todos os drons regresaron a Pyongyang. Non transcendeu se os drons portaban algún tipo de armamento. Un dos avións de combate acabou por caer en Hoengseong, ao leste de Seúl, os dous pilotos saltaron do avión antes do choque e resultaron ilesos.

“É unha clara provocación por parte de Corea do Norte”, sostivo Lee Seung, director de operacións do Estado Maior Conxunto de Corea do Sur. “O noso Exército responderá de forma exhaustiva e firme perante estas provocacións”.

Ademais, Yonhap comunicou que drons surcoreanos entraron no espazo aéreo do norte en resposta, levando a cabo operacións de vixilancia en "instalacións militares clave do inimigo".

Malia que entre 2014 e 2017 Pyongyang lanzou varias operacións semellantes que foran denunciadas por Seúl, isto non volvera a acontecer desde aquela, e ocorre poucos días despois de que Corea do Sur e os Estados Unidos anunciaran unha nova rolda de exercicios militares “realistas”, que prevén estender a 2023.

Manobras militares de Beijing en Taiwán

Na China, Beijing contestou a aprobación no lexislativo estadounidense dun aumento da axuda militar a Taiwán cunhas manobras a fin de semana nas que participaron 71 cazas e sete barcos ao outro lado da liña administrativa que divide a illa e o continente, por mor “da actual escalada e provocación estadounidense-taiwanesa”, incidiu Shi Yi, voceiro do Mando do Teatro Oriental do Exército Popular de Liberación chinés.

Para a Axencia Central de Noticias de Taipei é a maior incursión das tropas chinesas de sempre no que Taiwán considera as súas fronteiras aéreas e marítimas.

Comentarios