Pedro Sánchez pide á UE que responda ás medidas proteccionistas dos EUA

O presidente español urxe revisar a normativa sobre as axudas de Estado.
O presidente español, Pedro Sánchez, esta terza feira no Foro Económico Mundial (Foto: Sandra Blaser / World Economic For / DPA)
photo_camera O presidente español, Pedro Sánchez, esta terza feira no Foro Económico Mundial (Foto: Sandra Blaser / World Economic For / DPA)

O presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, expresou a importancia de que a Unión Europea (UE) alcance un acordo cos Estados Unidos de América (EUA) para resolver as súas diferenzas tras as millonarias medidas de axuda contra a inflación aprobadas polo Executivo dos EUA -criticadas polos líderes da UE polo seu carácter proteccionista-, aínda que ao mesmo tempo subliñou a necesidade de que tamén a UE "faga os seus deberes".

"É importante que fagamos os nosos deberes e revisemos a nosa política industrial", explicou Sánchez na súa intervención no Foro Económico Mundial, na localidade suíza de Davos, onde asegurou que esta cuestión será algo no que se enfocará a Presidencia española do Consello da UE na segunda metade de 2023.

Neste sentido, o presidente español defendeu a necesidade de que os aliados occidentais estean cada vez máis cerca no canto de máis divididos. Porén, ao mesmo tempo insistiu en que "hai deberes que facer", incluíndo a revisión das regras internas da UE sobre axudas de Estado.

Deste modo, Sánchez lembrou que o Goberno español enviou propostas á Comisión Europea sobre o mercado eléctrico e as axudas de Estado. Así mesmo, subliñou que o Estado español durante os últimos anos propuxo "diferentes medidas para unha UE máis forte e integrada", porque "os retos comúns requiren de respostas comúns".

Así, cuestionou no seu discurso se se está facendo suficiente para loitar contra desafíos como a desigualdade e o cambio climático ou se se está aproveitando a crise para retardar a transición verde. "Hai moito máis en xogo que a evolución das nosas economías o próximo trimestre", advertiu Sánchez.

Tensión entre os EUA e a UE polas políticas económicas proteccionistas

Os presidentes dos Estados Unidos de América (EUA) e México, Joe Biden e Andrés Manuel López Obrador, así como o primeiro ministro do Canadá, Justin Trudeau, anunciaron a pasada semana a creación dun Comité para a substitución de importación como conclusión da Cimeira de Líderes de América do Norte.

Un paso que afonda no xiro dos EUA de cara á imposición de políticas proteccionistas, que están a xerar preocupación na Unión Europea (UE), acrecentada depois da Lei para a Redución da Inflación (IRA), aprobada nos EUA a finais de 2022, que contempla un paquete de 369.000 millóns de dólares en subsidios para potenciar o investimento no país norteamericano -e que exclúe ás empresas da UE-, mentres que Bruxelas leva varias semanas advertindo de que podería prexudicar á industria da UE, en particular á do automóbil, á das baterías ou á das enerxías renovábeis.

Por outra parte, con respecto aos aranceis impostos polos EUA a varios produtos agrícolas que exporta a UE, John Clarke, da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, denunciou a pasada semana a actitude estadounidense, que cualificou de "un caso de proteccionismo flagrante", considerando "inaceptábel que infrinxan as súas obrigas ante a Organización Mundial do Comercio (OMC)".

Mais tamén hai críticas á inversa. Desde o 1 de xaneiro entrou en vigor o Axuste de Carbono en Fronteira (CBAM polas súas siglas en inglés) na UE, que gravará os bens importados con alta pegada ambiental. Aínda que será aplicado primeiramente aos produtos seleccionados a través un sistema simplificado, a intención da UE é que sexa plenamente operativo en 2026.

A medida, que entrou en vixencia de forma paulatina desde o 1 de xaneiro de 2023, afectará en principio as exportacións dun grupo de produtos intensivos en carbono como ferro, aceiro, cemento e fertilizantes, e estenderase a outros como madeiras, papel e alimentos de cara ao horizonte de 2026.

Unha cuestión que está a ser criticada por algúns dos principais socios comerciais da UE desde a súa entrada en vigor, entre eles os EUA, que sinalan que o imposto ao carbono é en realidade unha forma de proteccionismo da industria europea.

Comentarios