Os subsidios proteccionistas dos EUA son rexeitados polo Goberno español

O Goberno español cualifica a Lei para a Redución da Inflación (IRA), aprobada nos EUA, como "inaceptábel".
Joe Biden, presidente dos EUA (Foto: Leon Neal / PA Wire / DPA).
photo_camera Joe Biden, presidente dos EUA (Foto: Leon Neal / PA Wire / DPA).

O Executivo español considera "inaceptábel" a lei aprobada polos Estados Unidos de América (EUA) que prevé subsidios para potenciar a tecnoloxía verde debido ao impacto que podería ter na industria da Unión Europea (UE), incluída a do conxunto do Estado español, e aposta por unha resposta da UE fronte a este desafío, explicaron esta terza feira fontes gobernamentais.

A Lei para a Redución da Inflación (IRA), aprobada nos EUA, contempla un paquete de 369.000 millóns de dólares en subsidios para potenciar o investimento no país norteamericano, mentres que Bruxelas leva varias semanas advertindo de que podería prexudicar á industria da UE, en particular á do automóbil, á das baterías ou á das enerxías renovábeis.

O Goberno español considera "inaceptábel" que se adopten medidas proteccionistas entre socios e aliados como os EUA e a UE sen consultalo previamente, á vez que expresan as súas "serias dúbidas" de que cumpran coas regras da Organización Mundial do Comercio (OMC).

Para o Executivo do Estado español, a mellor solución sería unha negociación para que os EUA retirasen esta lei ou polo menos que aceptasen unha excepción na UE para os sectores chave potencialmente afectados, como xa desfrutan Estados como México ou o Canadá.

"A UE debería tomar medidas"

De non ser posíbel algunha destas solucións, engadiron as mesmas fontes do Executivo español, a UE debería estudar se merece a pena acudir á OMC ou tomar outro tipo de medidas de defensa comercial.

Á marxe diso, o Goberno do Estado español considera que a UE "debe reaccionar". Porén, o Executivo liderado por Pedro Sánchez non se decanta polo momento por ningunha solución en concreto.

Porén, non ve con malos ollos a idea dun fondo soberano exposta pola presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, aínda que, sinalan, habería que ver o seu alcance, o seu montante, o seu financiamento e para que se destinaría.

Comentarios