O Partido da Cervexa, a piques de entrar nun Parlamento austríaco no que a ultradereita sería a primeira forza

A ultradereita austríaca, representada polo Partido da Liberdade de Austria (FPÖ) e que actualmente é a terceira forza no Parlamento (NationalRat), pasaría a ser a máis votada nunhas vindeiras eleccións.
O chanceler de Austria, Karl Nehammer (Foto: Max Slovencik / APA / DPA).
photo_camera O chanceler de Austria, Karl Nehammer (Foto: Max Slovencik / APA / DPA).

A ultradereita austríaca, representada polo Partido da Liberdade de Austria (FPÖ) e que actualmente é a terceira forza no Parlamento (NationalRat), pasaría a ser a máis votada nunhas vindeiras eleccións a esta Cámara, con 30% dos votos, segundo os resultados dunha enquisa realizada por Market.

O FPÖ, que opta a ser a primeira forza nas eleccións de 2024 ao Parlamento de Austria, xa obtivo o seu primeiro gran resultado nas eleccións de 1999, cando conseguiu 26,9% das papeletas, converténdose na segunda forza máis votada e chegando a un acordo para gobernar co conservador Partido Popular.

A acción de Goberno daquela coalición derivou naquela altura en sancións por parte dos outros 14 Estados que entón compuñan a Unión Europea (UE). Non foi até 2018 que o FPÖ, en cuxa xénese participaron antigos nazis, regresou ao Executivo tras obter 31,5% dos sufraxios despois de basear a súa campaña electoral na doutrina de “os austríacos primeiros” e no rexeitamento da inmigración.

Con todo, en maio de 2019, os representantes da forza de ultradereita renunciaron ao Goberno debido a que o partido viuse involucrado no escándalo de corrupción coñecido como Caso Eivissa (no que se acusaba aos seus cargos de aceptar cobertura positiva nos medios de comunicación a cambio de contratos gobernamentais).

A situación levou o FPÖ a obter unha dura labazada, baixando a 16% dos sufraxios nas eleccións anticipadas de 2019, as cales foron convocadas precisamente pola crise que xeraron no Executivo. Porén, segundo esta última enquisa, semella que a forza de ultradereita volve gañar posicións e sería primeira forza no Parlamento, podendo obter a chancelaría de chegar a un acordo co Partido Popular.

O Partido Socialdemócrata de Austria (SPÖ), con 24% dos votos, sería a segunda forza. Pola súa parte, o partido que actualmente lidera o Executivo, o Partido Popular (ÖSP), ficaría na terceira posición con 20% dos votos. Os conservadores gobernan actualmente da man da forza ecoloxista denominada Die Grünen, o cal recibiría un duro castigo do electorado caendo a 8% dos sufraxios e ficando en quinto lugar por detrás dos liberais do NEOS (11%).

O Partido da Cervexa, a piques de chegar ao Parlamento

A sorpresa da enquisa márcaa o Partido da Cervexa, que con 3% dos sufraxios, ficaría a tan só un punto porcentual de entrar no Parlamento de Austria. O numeroso apoio recibido por esta forza política ligada á popular bebida alcohólica, cando menos segundo esta enquisa, deixaría claramente abertas as portas a que poida ter representación institucional no NationalRat.

Comentarios