O Partido Comunista chinés abre un XX Congreso que marcará o rumbo do país

O Gran Salón do Pobo, en Beijing, lugar onde decorrerá o XX Congreso do Partido Comunista da China, durante o XIX Congreso en 2017. (Foto: Xinhua / Wang Ye)
Mañá comeza o Congreso do PCCh, nunha reunión na que se prevé que Xi Jinping sexa elixido para un terceiro mandato e se fixen as novas liñas mestras para o desenvolvemento económico.

2.296 delegadas e delegados representarán os máis de 95 millóns de militantes do Partido Comunista de China (PCCh) no XX Congreso da formación, cuxa apertura decorrerá mañá, e no que se agarda, amais da renovación da dirección -excepto a do secretario xeral e líder chinés, Xi Jinping-, que se fixe cal vai ser o rumbo do país nos vindeiros anos.

A última reunión do Comité Central saínte a pasada quinta feira permitiu aprobar o informe de xestión que votará o pleno, no que se destaca destes últimos cinco anos o traballo para a protección da soberanía nacional, de maneira especial no que se refire á situación en Taiwán após a escalada diplomática e militar polo apoio dos Estados Unidos á illa.

Ao tempo, salientáronse os resultados da loita anticorrupción, dirixida pola Comisión disciplinaria do partido, da xestión da pandemia da Covid-19 e do proceso de construción dun país socialista moderno. Asemade, o órgano incidiu nos avances na mellora da calidade de vida da poboación e no éxito que supuxeron as olimpíadas de Beijing neste ano.

No referente ao liderado da formación e do país, “Xi ten case seguro recibir un terceiro mandato” para encabezar o PCCh, ratifica Associated Press, o que poría fin ao límite non oficial de dous períodos estabelecido por Deng Xiaoping.

No que atinxe á dirixencia da organización, a principal pregunta é quen substituirá como número dous ao primeiro ministro Li Keqiang tras cumprir dúas lexislaturas nesa función (a renovación desde último cargo efectuarase en marzo). Porén, Li podería continuar no Comité Permanente do Politburó, que ten entre cinco e nove integrantes, de ser elixido presidente do lexislativo.

Entre as principais opcións para substituílo están Wang Yang, Hu Chunhua, Li Qiang e Ding Xuexiang, apunta Reuters, resultando máis probábel a elección dalgún dos dous primeiros por cumprir cos preceptos de experiencia que viña exixindo a formación para o primeiro ministro, como ter ocupado algunha vicepresidencia e ter dirixido o PCCh nalgunha provincia.

Despois da cerimonia de apertura, os representantes da militancia comunista debaterán ao longo da semana os textos e as emendas aos mesmos antes das votacións finais, que están previstas para a clausura, incluída a elección do novo Comité Central. Usualmente, o feche prodúcese unha semana após a inauguración do Congreso. Un día despois reúnese o novo Comité Central, que seleccionará entre os seus membros os integrantes do Politburó e do Comité Permanente.

Novo rumbo

A nivel económico, os medios internacionais estiman que é pouco probábel un cambio das políticas que dan prioridade á autosuficiencia do país, cun mercado rexido polas decisións do Estado. En paralelo, prevese que se continúe a reforzar a súa capacidade militar co ollo posto na situación de Taipei.

Así e todo, as delegadas e delegados terán que estabelecer a vía para cumprir os obxectivos do anterior Congreso, que marca 2050 como a data límite para que a China sexa "un gran país socialista moderno que sexa próspero, forte, democrático, culturalmente avanzado, harmonioso e fermoso (referido á loita contra a contaminación)", indicara naquela altura Xi.

Reaxustar o modelo de desenvolvemento socialista na China

Dous elementos están a afectar a economía chinesa nos últimos anos, a estratexia contra a Covid do país, que levou a confinamentos de millóns de persoas cun alto impacto nas finanzas, e maila crise inmobiliaria que afecta sobre todo a Evergrande, o que obriga a pór en práctica novas políticas.

Nese sentido, o profesor de finanzas da Universidade de Beijing, Michael Pettis, sinala que o Congreso deberá avaliar a estratexia de crecemento, facendo fincapé en que “non se pode investir 40% ou 45% do produto interior bruto para sempre”, unhas cifras 20 puntos por riba da media de investimento do resto de países do mundo. Aínda que este investimento foi o que permitiu o seu desenvolvemento, a estratexia actual tería que ir encamiñada a “moitos anos de crecemento moito máis lento pero sostíbel”, defende.