O multilateralismo nas relacións globais centra a cimeira do BRICS

A Arxentina e Arabia Saudita queren entrar no bloque do BRICS, que mantivo a súa décimo cuarta cimeira nas derradeiras xornadas.
A décimo cuarta cimeira do BRICS decorreu de forma telemática. (Foto: Europa Press)
photo_camera A décimo cuarta cimeira do BRICS decorreu de forma telemática. (Foto: Europa Press)

Esta sexta feira decorreu, de maneira virtual, a segunda xornada da cimeira do BRICS, esta vez en formato ampliado. Así, o Brasil, Rusia, a India, a China e Sudáfrica, os cinco membros do bloque, prevén a participación de líderes doutros Estados.

En particular, diversos medios de comunicación informaron da participación do presidente da Arxentina, Alberto Fernández. Tanto a Arxentina como Arabia Saudita teñen amosado o seu interese por unirse a este bloque de Estados, unha intención sobre a que a China xa se ten manifestado en favor.

Os cinco Estados que pertencen actualmente representan a cuarta parte da economía mundial. Exipto e Uzbequistán son outros dous Estados dos que ten transcendido a súa participación nesta cimeira.

A intención dos países que están a facer parte da reunión é facer énfase na necesidade de desenvolver o multilateralismo dentro do ámbito das relacións internacionais, tal e como se recolle na declaración asinada na primeira xornada da cimeira polas Presidencias dos cinco Estados membros, que tamén avogaron por un desenvolvemento inclusivo e aumentar a cooperación cos Estados emerxentes.

A deste ano supón a décimo cuarta edición da cimeira do BRICS, neste caso presidida pola China. Na mesma, os Estados membro reafirmaron o seu compromiso de conseguir "un mundo libre de armas nucleares".

Así, advertiron contra os perigos dunha carreira armamentística e lembraron que "nunha guerra nuclear non pode haber gañadores e nunca debe librarse". Neste contexto, destacaron especialmente a necesidade de resolver a cuestión nuclear iraniana a través de medios pacíficos e diplomáticos e conforme as normas do dereito internacional.

Ao mesmo tempo, instaron a impulsar o sistema de control de armas, desarmamento e non proliferación en relación ás armas biolóxicas, tóxicas e químicas. Ademais, o cinco países membros expresaron o seu compromiso con desenvolver unha actividade espacial sostíbel a longo prazo e evitar unha carreira armamentística e o despregue de armas no espazo.

Así mesmo, os Estados do BRICS fixeron fincapé no "enorme potencial" das tecnoloxías da información para o desenvolvemento, aínda que destacaron as novas ameazas que xorden no caso de que ditas tecnoloxías, cada vez máis modernas, se utilicen con fins delituosos.

Comentarios