A capital chinesa impón medidas contra un novo gromo de Covid

Pequín impón medidas contra a Covid intentando evitar chegar ao pico pandémico no que se atopa Shangai. A Covid podería facer medrar a inflación na China, os expertos din que unha crise económica no país podería conlevar consecuencias a nivel global.
Persoa realiza unha test da Covid na China. (Foto: Sheldon Cooper / SOPA Images via Z / DPA)
photo_camera Persoa realiza unha test da Covid na China. (Foto: Sheldon Cooper / SOPA Images via Z / DPA)

As autoridades de Pequín, a capital chinesa, informaron na cuarta feira do feche de decenas de estacións de metro e a suspensión do servizo de autobuses da cidade debido ao último gromo de coronavirus rexistrado na zona.

Aínda que se confirmaron 51 casos novos no último día, un número relativamente baixo tendo en conta que se realizaron uns 20 millóns de test, moitas das rutas de transporte atópanse fechadas nun intento por limitar os desprazamentos e evitar maiores contaxios.

As autoridades esperan así eludir o destino de Shangai, que tivo que confinar a súa poboación durante máis dun mes para bloquear a propagación do virus. En total, segundo os operadores, Pequín fechou máis de 40 estacións, perto de 10% de todas elas, e fechou 158 liñas de autobús, a maioría delas no distrito de Chaoyang, onde se rexistraron máis contaxios.

Ademais, os colexios atrasaron a volta ás aulas até o 11 de maio e, mentres, seguirán impartindo clases vía telemática, segundo informacións do diario South China Morning Post.

Aqueles que desexen abandonar a capital deberán presentar un test e recibir un código por parte das autoridades sanitarias para poder así embarcar nun avión ou subir a un tren. Mentres, o resto de residentes terán que someterse a test en polo menos doce distritos da cidade.

En Shangai, por outra parte, os casos seguen descendendo por decimoterceiro día consecutivo. No entanto, dos 353 casos rexistrados no último día na China continental, 260 foron notificados en Shangai, tal e como indicou a axencia de noticias Xinhua. O resto de casos foron rexistrados noutras once provincias, entre elas Pequín, Henan e Sichuán.

Un total de 2.092 pacientes con coronavirus recibiron o alta na última xornada. Ademais, as autoridades sanitarias situaron en 16 as persoas falecidas por mor da pandemia desde a terza feira, todas elas na zona de Shangai.

A pandemia afecta a economía chinesa

As interrupcións causadas pola pandemia nas cadeas de subministracións, así como o impacto derivado do conflito entre Rusia e Ucraína, contribuíron a reducir a demanda de exportacións chinesas, o que podería provocar unha crise inflacionista na China que, ao tempo, podería ter impacto na economía global, alertan economistas chineses.

Comentarios