O Parlamento das Illes Balears aproba a moción de Vox que elimina o catalán da función pública

A representante de Més per Mallorca María Ramon criticou que eliminar o catalán como requisito e mérito na función pública é xa o terceiro episodio dos ataques de Vox á lingua "despois da segregación a cambio do teito de gasto e da oficina lingüística a cambio de orzamentos".
Parlamentt illes balears
photo_camera Parlament das Illes Balears (Foto: Parlament)

O pleno do Parlamento das Illes Balears aprobou a moción de Vox que contempla impulsar medidas para que descoñecer catalán non penalice o acceso á función pública.

A presidenta do goberno, Marga Prohens (PP), non estivo presente na votación. A moción tamén pide que se garantan os dereitos dos cidadáns a dirixirse á Administración pública e a obter resposta na lingua que elixa.

O representante da coalición Sa Unió de Formentera, Llorenç Córdoba, abstívose e desmarcouse do PP. Córdoba, que é presidente do Consello de Formentera, asegurou que baralla "en serio" deixar de apoiar o Goberno das Illas, do partido popular. Asegura que valora a decisión "nestes momentos de incerteza política" e sen estar adscrito a ningún partido.

A portavoz de Vox, Idoia Ribas, lembrou que o PP necesita a Vox para que haxa estabilidade no Goberno balear. “Temos un acordo a cambio de que se realicen accións lingüísticas. Haberá máis medidas”, dixo. Ribas tamén negou que queira retirar a lei para crear unha Oficina de Liberdade Lingüística nas Illas.

A representante de Més per Mallorca María Ramon criticou que eliminar o catalán como requisito e mérito na función pública sexa o terceiro episodio dos ataques de Vox á lingua "despois da segregación a cambio do teito de gasto e da oficina lingüística a cambio de orzamentos".

Ramón cualificou a oficina lingüística como "un quiosco regado con 750.000 euros para perseguir persoas, concellos, entidades e consellos escolares".

A viceportavoz do PP, Marga Durán, garantiu que sempre estará garantido o dereito dos cidadáns a dirixirse e ser atendidos pola Administración pública en calquera das dúas linguas cooficiais.

O PSOE votou en contra porque, en palabras do deputado Carles Bona, todos os puntos están en contra da protección do catalán. O portavoz de Més per Menorca, Josep Castells, lamentou que o PP sexa "cómplice das obsesións de Vox".

Comentarios