Cimeira entre Illes Balears e País Valencià

A cimeira bilateral entre os territorios mediterráneos busca forxar unha alianza estratéxica que lles permita aproveitar do mellor xeito os fondos europeos Next Generation.
Francina Armengol e Ximo Puig na foto inaugural da cimeira. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)
photo_camera Francina Armengol e Ximo Puig na foto inaugural da cimeira. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)

Esta terza feira remata a cimeira bilateral entre os gobernos das Illes Balears e do País Valencià, deseñada para impulsar unha alianza estratéxica entre ámbolos dous territorios con amplos vencellos culturais, sociais e económicos, que lles permita tirar o maior proveito posíbel dos fondos europeos.

A xuntanza, que comezou na segunda feira no Palau de Congressos de Palma e porá mañá o seu punto final, foi inaugurada polos presidentes dos parlamentos territoriais, Vincenç Thomas de Balears e Enric Morera das Corts Valencianes, que coincidiron na defensa dunha sociedade solidaria cunha política común nas materias que lles afectan.

Malia que clausurarán a cimeira as presidentas territoriais, Francina Armengol (Balears) e Ximo Puig (País Valencià), xa participaron no primeiro día de reunión.

“Reivindicamos a igualdade, a periferia dentro desta España real, que é moi plural. Moitas veces as decisións tomadas desde o centro, desde a centralidade, non teñen en conta a diversidade e a riqueza da periferia”, salientou Armengol. 

"Hai vida máis alá de Madrid"

Pola súa banda, Puig lanzou a idea dunha “alianza desde o Mediterráneo” que impulse un Estado “con respecto ás identidades e singularidades”, “hai vida máis alá de Madrid, incluso vida intelixente”, explicou.

No encontro desenvólvense nove táboas redondas nas que ademais das forzas que integran os dous executivos tripartitos, participan sindicatos, reitores das universidades dos territorios, escritores e empresarios.

O encontro foi anunciado o 21 de abril pasado no palau da Generalitat valenciana, confirmando a boa sintonía entre os presidentes do PSOE.

Comentarios