Apenas demoraría 14 días en declarar o Estado catalán

O Parlament proclamará a independencia de Catalunya de imediato após unha eventual vitoria do Si o 1-O

É sen dúbida a disposición estrela da Lei do Referendo, apresentada esta terza feira nun acto no patio interior do Parlament por portavoces de Junts pel Sí (coligazón de ERC e Partit Demòcrata) e a CUP. O bloco soberanista pisa o acelerador.

Referendo2
photo_camera Portavoces de ERC, PD e CUP no momento de apresentaren a Lei do Referendo

Se o Si gañar o referendo autodeterminista o vindeiro 1 de outubro, o Parlament catalá proclamará de inmediato a independencia do novo Estado catalán. Así o prevé a lei de referendo que apresentaron esta terza feira as forzas independentistas que partillan o Govern -ERC e PDeCat-, e a Candidatura d'Unitat Popular (CUP).

A lei prevé un prazo para apresentación de reclamacións e para a subsanación de erros unha vez sexan proclamados os resultados como provisorios. Ese trámite podería demorar no máximo 14 días. Unha vez consumido ese tempo, e elevados os resultados a definitivos, o Parlament proclamaría a independencia sen maior demora.

O referendo vaino rexir unha xunta eleitoral catalá propia -formada por cinco persoas entre xuristas e politólogos, con maioría daqueles, afirman as forzas soberanistas- e está previsto que a consulta se realice baixo a supervisión de observadores internacionais. Será o Govern o que elabore o censo eleitoral, aspecto que preanuncia unha dura batalla legal con Madrid, que alegará que esa é unha competencia exclusiva do Estado. Será esta apenas unha escaramuza máis do áspero confronto que se aveciña, sendo que ninguén dubida de que -unha vez a lei do referendo sexa rexistada, aínda non o foi formalmente- a Moncloa apresentará un recurso de inconstitucionalidade visando a suspensión legal de todo o proceso.

A lei do referendo prevé que sexa obrigatoria a participación dos cargos das mesas eleitorais -presidentes, vogais, etc- e que os concellos tamén estarán obrigados a emprestar locais para a realización da votación. Os portavoces de Junts pel Sí enfatizaron en todo momento que este proxecto lexislativo -que aínda ten de pasar polo trámite do debate parlamentar- prevalecerá sobre calquer outro texto legal, incluíndo a Constitución española.

O direito de autodeterminación é o alicerce sobre o que se basea toda a arquitectura xurídica da lei do referendo. En concreto, o seu limiar indica que a lexitimidade da que parte a consulta se residencia en tratados internacionais ratificados polo Estado que recoñecen o direito de autodeterminación. Esta é a razón que leva á lei a argumentar que "prevalece hierarquicamente sobre todas aquelas normas que podan entrar en conflito, sendo que regula o exercicio dun direito fundamental e inalienábel do pobo de Catalunya".

Comentarios