A ONU recalca a súa “preocupación polo uso de uranio empobrecido” na munición de Ucraína

O mesmo tipo de proxectís foi utilizado en Iraq polos Estados Unidos e polo Reino Unido entre 1991 e 2003.
O secretario xeral da ONU, António Guterres. (Foto: Ukraine Presidency Dpa)
photo_camera O secretario xeral da ONU, António Guterres. (Foto: Ukraine Presidency Dpa)

A Secretaría Xeral das Nacións Unidas recalcou esta terza feira a súa “preocupación” ante o posíbel uso de uranio empobrecido, despois de que as autoridades británicas informaran de que farán entrega a Ucraína de munición fabricada con uranio empobrecido.

O portavoz adxunto da oficina da ONU, Farhan Haq, sinalou que o organismo “deixou clara” a súa “preocupación por calquera uso de uranio empobrecido en calquera lugar”.

Horas antes, a viceministra de Defensa do Reino Unido, Annabel Goldie, indicou que ademais de proporcionar carros de combate Challenger 2, o Estado enviará “municións, entre as que se atopan proxectís perforantes que conteñen uranio empobrecido”.

O presidente ruso, Vladimir Putin, alertou de que haberá “represalias” ante a “aparente decisión de Occidente de loitar contra Rusia até que quede o último ucraíno en pé”. “Quero destacar que se isto sucede, Rusia terá que responder axeitadamente. Occidente está xa comezando a usar armas con compoñentes nucleares”, advertiu.

En resposta, o Ministerio de Defensa do Reino Unido publicou un comunicado ‘ex profeso' no que denunciou que o presidente Putin está “tratando deliberadamente de desinformar”, pois o uranio empobrecido “non ten nada que ver con armas ou capacidades nucleares”.

Munición relacionada con varios tipos de cancro

Activistas da organización británica Campaña para o Desarme Nuclear (CND) condenaron esta cuarta feira o envío a Ucraína de munición con uranio empobrecido, a cal vincularon con varios tipos de cancro.

A CND puntualizou que estes materiais “provocan un desastre medioambiental e problemas para a saúde das persoas que viven en lugares de conflito”. Por este motivo, rexeitaron a decisión do goberno británico e advertiron de que, en caso de impacto, estas municións poden “liberar po tóxico ou radioactivo que posteriormente pode ser inhalado”.

Ademais de cancro, “outras enfermidades relacionadas co uranio empobrecido inclúen insuficiencia renal, trastornos do sistema nervioso, enfermidades pulmonares e problemas reprodutivos”, puntualizaron.

Da mesma maneira, a CND recordou que “os proxectís de uranio empobrecido foron utilizados de maneira ampla polos Estados Unidos e polo Reino Unido en Iraq entre 1991 e 2003, así como nos Balcáns durante a década dos 90”, deixando miles de crianzas afectadas de cancro e malformacións.

Comentarios