O xugo da troika en Portugal supuxo para as mulleres ''a maior degradación das condicións de vida desde a Revolución de abril''

Analizamos co Movimento Democrático de Mulheres a situación social, política e económica alén da Raia, onde o desemprego feminino acada "cotas xamais coñecidas". Está no 15% e afecta a máis de 390 mil traballadoras; delas, o 60% non recibe subsidio ningún en virtude das medidas de 'austeridade' aplicadas polo goberno portugués. Na Galiza a pobreza ten tamén cara de muller, nomeadamente dunha muller labrega
mulleres
photo_camera [Imaxe: MDM]

As mulleres portuguesas están a se enfrontar "coa maior degradación nas súas condicións de vida desde a Revolución de abril", acontecida en 1974 e que trouxo consigo a caída da ditadura salazarista.

É a conclusión que o Movimento Democrático de Mulheres --de aquí en diante MDM-- achega após unha xuntanza mantida nesta fin de semana para avaliaren a situación económica, política e social de Portugal, e que lles afecta "máis duramente" a elas. Tal e como explica a organización, son mulleres a maior parte do cadro de persoal da Administración pública, así como das persoas xubiladas e pensionistas, colectivos especialmente azoutados polos recortes.

A situación do emprego, fundamental para a emancipación delas, tornouse a peor chaga social e económica do país

Pasou algo máis dun ano desde que o Partido Socialista, aínda no poder, asinase, en xullo de 2011, o acordo coa troika, un mes antes de perderen as eleccións fronte ao conservador Pedro Passos Coelho, o desemprego camiña con pasos de xigante en Portugal até acadar cotas xamais coñecidas (15%), afectando máis de 390 mil mulleres.

Coelho aplica "con gusto" e con man dura as teses ditadas en Alemaña porque seica cadran coa ideoloxía de si propio, e tanto apertar o cinto está a deixar marcas nas vidas das mulleres. A situación do emprego, fundamental para a emancipación delas, tornouse a peor chaga social e económica do país.

  • Elas saben o que subiu a vida

Por que a crise é pagada especialmente polas mulleres? Tanto se tiveren traballo remunerado como se se atoparen desempregadas, son elas as que reciben a peor parte. Os salarios son inferiores aos dos homes nun 20%. Son máis da metade das persoas sen emprego e os bocados arrincados ás prestacións sociais deixaron sen subsidio ao 60% delas.

"Vémonos empurradas cara á pobreza e a exclusión, coas desigualdades tamén a aumentar". Fátima Amaral fai parte da dirección nacional do Movimento Democrático de Mulheres. Analiza con nós a reforma do Código de Trabalho, que non entrou aínda en vigor mais que foi maquinado cun obxectivo no albo: devolver as mulleres ao lar.

Canda a norma naceu un 'banco de horas' para asegurar o traballo gratuíto, tornouse inviábel conciliar a vida persoal coa laboral e para elas hai menos dereitos consagrados nos contratos "e van ser máis facilmente despedidas", para alén de que máis do 70% das mozas traballa ás ordes ora da precariedade ora da clandestinidade. "Cando nunha familia se coloca en cuestión quen vai manter o emprego, naturalmente o escollido é o home", recalca Fátima Amaral.

Canda o Código do Trabalho naceu un 'banco de horas' para asegurar o traballo gratuíto, tornouse inviábel conciliar a vida persoal coa laboral e para elas hai menos dereitos laborais, sendo máis doado o despedimento

  • "Asalto" aos dereitos da clase traballadora

"Non somos responsábeis da crise que nos están obrigando a pagar", mais a aprobación en 2013 dos Orzamentos do Estado suporá "unha degradación meirande" dos dereitos sociolaborais e dos ingresos das familias, con milleiros de pequenas e medianas empregas en situación de suspensión de pagamentos. Todo isto conxugado coas continuas labazadas á saúde e ao ensino.

A mellora do 10% que introducirán os Orzamentos xerais para familias monoparentais sen pensión de alimentos "non vai impedir o agravemento do número de pobres entre as mulleres". "Os dereitos da maternidade non se respectan no mundo do traballo", e os recortes practicados nas prestacións sociais trouxeron da man un aumento dos casos de mulleres en situación de prostitución e de violencia machista.

  • Protexer a maternidade? E quen protexe as mulleres?

Fronte á protección da maternidade que di practicar o goberno para botar embaixo o dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos, o que están a provocar as políticas 'de austeridade' é o aumento "de nais sen fillos", xa que a mocidade vese avocada a emigrar "en busca do futuro que o goberno lles nega aquí". A invocada protección da maternidade, xa que logo, ten cheiro patriarcal e fica reducida ao momento anterior ao parto.

En 2011 o 32% dos abortos foron practicados na privada porque @s médic@s se negan, "e a educación sexual non chega ás escolas". A invocada protección da maternidade ten cheiro patriarcal e fica reducida ao momento anterior ao parto

Se no estado a interrución voluntaria do embarazo estivo regulada sempre —agás nos anos do Goberno de Zapatero— por unha lei de prazos aprobada en 1985 e que obrigaba as mulleres a se faceren pasar por tolas para poderen exercer este dereito na sanidade pública, en Portugal o aborto estivo, até 2007, prohibido por lei. As mulleres eran empurradas á clandestinidade, morrían ou eran xulgadas.

"O reto hoxe é facer cumprir integramente a lei", quéixase Fátima Amaral. Cos datos na man, sinala que en 2011 o 32% dos abortos foron practicados na privada porque @s médic@s se negan, "e a educación sexual non chega ás escolas". Máis un brazo da ofensiva patriarcal para que as mulleres volten á casa pasa por apartalas da vida pública.

  • Repensarmos os espazos

Medidas nesta liña foron tomadas xa alén e aquén da raia, coa regulación dos usos da vía pública para botar dela o tecido asociativo —onde as mulleres procurabamos alianzas— ou o encarecemento, previo ao desmantelamento, da rede de transporte público.

"Hai unha relación entre a calidade dos lugares e a vida das mulleres" que se veu explorando no MDM, exixindo que quen executa os deseños urbanísticos leve postos os óculos de xénero e teña en conta "os tempos limitados e as présas" con que elas se enfrontan ao día a día.

Repensar os espazos desde unha perspectiva feminista implicaría tomar en consideración que elas deben atender máis dun traballo, as crianzas, o fogar, a compra diaria, familiares en situación de dependencia... Unha volta máis, cunha fundamental boa rede de transporte público, espazos verdes en abundancia, ou que volvesen abrir as portas as pequenas tendas de barrio, faríalles a vida moito máis doada.

Repensar os espazos desde unha perspectiva feminista implicaría tomar en consideración que elas deben atender máis dun traballo, as crianzas, o fogar, a compra diaria, familiares en situación de dependencia...

  • E na Galiza? De tales estacas, tales salgueiros

Após comprobar como as consecuencias do rescate en Portugal chegaron ao estado Español meses máis tarde e, tomando en conta o inmediato desembarco dun segundo rescate, a conclusión é clara: de tales estacas, tales salgueiros. Contra as políticas da troika e a súa aplicación polo goberno de Portugal, o 8 de novembro botaranse ás rúas. Secundan tamén a campaña de mobilizacións que no noso país convocaron desde a Marcha mundial das mulleres, e cuxa seguinte acción será o 25 de novembro, Día internacional de loita en contra da violencia machista.

De nos ollarmos as galegas no espello das portuguesas, a conclusión é clara: de tales estacas, tales salgueiros. E é que na Galiza pode constatarse xa que a pobreza ten cara de muller, nomeadamente dunha muller que vive no agro. A Secretaría das Mulleres do Sindicato labrego galego realizou esta fin de semana o seu encontro anual, unha xuntanza en que se analizaron as consecuencias da débeda e do rescate financeiro para a vida e para as traballadoras, o que se traduce, ao igual que en Portugal, nunha degradación da calidade de vida.

Leis como a de Familia aprobada polo PP aquén da Raia teñen reflexo do outro lado. O traballo invisíbel dos coidados —após privatizar a atención a nen@s e idos@s— recae sobre as mulleres, tal e como constataron Lupe Ces, da Marcha mundial das mulleres; Sonia Fernéndez do STEG; Rosa Álvarez, do Colexio oficial de Psicoloxía e María Xosé Abuín, de CIG-Saúde, nos seus relatorios pronunciados durante o encontro de labregas.

Os prezos de alimentos labregos son equiparábeis aos de hai vinte anos, e que son moitas as labregas que se vén abocadas a deixaren de cotizar á seguridade social

Sinala o SLG que os prezos de alimentos labregos son equiparábeis aos de hai vinte anos, e que son moitas as labregas que se vén abocadas a deixaren de cotizar á seguridade social coas consecuencias que tal decisión ten nun sistema onde os dereitos sociais fican amarrados á cotización.

E todo isto aderezado co empeoramento dos servizos públicos --saúde, sanidade e transporte--, e coas altas taxas de desemprego na mocidade que levan @s fill@s de volta á casa materna. A escolla do rural como lugar onde vivir por moitas familias por mor da crise trae parella a necesidade de artellar políticas que pulen por el para que comprar unha leira deixe de ser a única vía de acceso á terra.

Comentarios