O PP recúa no Congreso e admite a trámite a ILP contra os despexos

O empeño d@s conservador@s era tal que escolleron o 'non' no canto de se absteren para evitar que o voto a favor do resto de forzas políticas permitise continuar coa tramitación parlamentar. O texto está avalado por millón e medio de sinaturas
photo_camera Fóra do Congreso, durante o debate [SG]


"Após a inacción do Goberno anterior, entendo o incomodo da Plataforma de afectados pola hipoteca". Así, botando balóns fóra, foi como o voceiro do PP no Congreso d@s deputad@s, Alfonso Alonso, ratificou desde a tribuna o que xa se sabía nos corredores. Após un rexeitamento acérrimo á ILP en prol da suspensión dos despexos e da dación en pagamento, a presión social fixo recuar a formación conservadora até que votou polo si, ao igual que o fixeron todas as forzas políticas con representación na Cámara baixa.

Porén, a súa intervención, centrada en descualificar a actividade do Executivo de Zapatero (PSOE) e en loar a súa propia, provocou o enfado nas bancadas. Activistas da plataforma cidadá Stop Desafiuzamentos que asistían ao pleno como público interrompéronno a berros de 'Si que se pode'. O presidente do Congreso, Jesús Posada (PP), ordenou a súa inmediata expulsión namentres polo micro, que quedou aberto, unha voz de muller preguntaba 'si que se pode... o que?'

Así as cousas, cando xa transcorrera unha hora desde o inicio do debate desta ILP no Congreso e todas as intervencións se centraban en reprochar ao PP o seu posicionamento en contra, o voceiro da formación conservadora anunciou que recuarían na súa teima de non admitila a trámite e votarían a favor do texto.

Avalado por perto de millón e medio de sinaturas, reclama a suspensión dos desafiuzamentos, o fomento dos alugueiros sociais e a dación en pagamento. O empeño do PP en paralizar esta iniciativa era tal que Alonso chegou a afirmar que @s deputad@s conservador@s ficaban obrigad@s a votar que 'non', pois de se absteren entón as formacións partidarias do 'si' serían maioría e a ILP podería seguir o seu camiño para se tornar en lei. 

"Que o Estado, en nome da cidadanía, desafiuce os bancos"

O debate desta iniciativa arrincou por volta das cinco e media do serán, após o PP pasar o rodo da maioría absoluta para quitar adiante outro texto do mesmo rango legal en prol da declaración BIC das touradas. A primeira quenda de palabra foi para a deputada do PSOE Leire Iglesias, encargada de defender o documento en nome da PAH (Plataforma de afectad@s pola hipoteca) cunhas demandas que Iglesias cualificou de "emerxencia social". Desde a Esquerda Plural, Joan Coscubiela arremeteu contra PP e PSOE sinalando que "se fosen quen de ver antes o que estaba a acontecer teríanse evitado moitos sacrificios humanos", en referencia aos suicidios provocados polas execucións hipotecarias. Aínda nesta terza feira unha muller de 67 anos e o seu home de 68 quitáronse a vida após coñecer que o banco quedaría coa súa vivenda.

A deputada do BNG Olaia Fernandez Davila, pola súa banda, aproveitou a quenda de palabra para facer un chamamento "a unha política contraria á que se está a facer" desde o Goberno español e, após anunciar o voto a favor da ILP, a nacionalista instou a "que o Estado, en nome da cidadanía, desafiuce os bancos". A formación frontista presentou hoxe mesmo no Parlamento galego unha proposición de lei para que as vivendas do denominado 'banco malo' se poñan en alugueiro. Apoiada por PSOE e AGE, foi tombada pola maioría que o PP ostenta tamén na Cámara galega ao consideraren "suficientes" a normativa estatal ao respecto e as medidas adoptadas pola Xunta de Galiza.

"Na rúa non se entende que o Goberno promova unha amnistía fiscal para que quen ten que pagar 100 pague 20 e negue, por outro lado, a posibilidade de que os afectados polos desafiuzamentos poidan saldar a súa débeda de maneira xusta". Así se expresou Rafael Larreina, deputado de Amaiur, quen iniciou a súa intervención anunciando que "hoxe é un día triste" porque "este Parlamento vai darlle as costas á rúa". En termos semellantes expresouse o parlamentar de ERC Joan Tardá, remarcando que "desafiuzar unha familia é legal, mais iso non evita que sexa unha acción criminal".

Comentarios