O PP esmaga coa maioría absoluta e impón as touradas en todo o Estado

Quita adiante a ILP da Federación de entidades taurinas de Catalunya en prol da declaración BIC dos espectáculos taurinos, impedindo aos territorios que lexislen ao respecto e deixando sen validez o veto ás corridas aprobado nos parlamentos catalán e canario


Tal e como anunciara, o PP defendeu no Congreso d@s deputad@s e votou a ILP promovida pola Federación de entidades taurinas de Catalunya coa que pretenden declarar as touradas unha "festa protexida" a través da súa declaración BIC, que deixaría sen efecto os vetos aprobados contra as corridas nos territorios de Canarias e Catalunya. A oposición máis firme chegou d@s deputad@s de CiU, ERC e PNV. 

Catalunya anuncia que recorrerán: "Els braus mai tornaran"

Ao igual que outras formacións políticas que tamén se posicionaron en contra, concordaron ao sinalar que o debate que estaba riba da mesa no Congreso non foi "touros si, touros non", senón que a ILP pretende centralizar as competencias para lexislar sobre as touradas que hoxe teñen os territorios. A aprobación da iniciativa deixa sen efecto a prohibición de organizar corridas en territorio catalán, aprobada polo Parlament o 28 de xullo de 2010 en virtude, xustamente, dunha ILP avalada "polo triplo das sinaturas necesarias", segundo explicou a deputada Montserrat Surroca.

Tamén ERC se arrepuxo contra a tentativa do PP de pasar o rodo da maioría absoluta sobre a decisión do pobo catalán. "Els braus mai tornaran a Catalunya", espetou Alfred Bosch na súa lingua, e repetiuno en inglés, advertindo de que "chegaremos até onde faga falla" para lle parar os pés ao Goberno español neste afán de impor as corridas en todo o Estado. Taxativo, Bosch anuncioulle ao PP que "hoxe están a nos dar unha razón máis para marchar e facer o noso propio País, un onde persoas e animais poidamos vivir tranquilos".

O documento, que vén de iniciar a andaina para se tornar lei, obriga os territorios "a manter e difundir a festa dos touros", tal e como se queixou o deputado do PNV, Joseba Agirretxea, namentres anunciaba o voto en contra do seu grupo. Reprochoulle ao PP ter defendido que "os touros non teñen a ver coa política" reclamándolle que "non lera nunca nada máis nacionalista español", en referencia ao preámbulo da ILP.

O PP fala de "símbolo de prestixio" e de "democratizar a cultura"

Pola súa banda, o deputado conservador Juan Manuel Albendea afirmou que tal declaración fai parte "da preservación e fomento das tradicións populares" e máis unha maneira de "democratizar a cultura".

Pasa por riba da transferencia das competencias de Cultura aos gobernos dos territorios e enumera aqueles en que foi apoiada unha iniciativa na mesma liña que a que esta terza feira se debateu no Congreso: Murcia, Madrid, Castela-A Mancha e Castela León. Albendea considerou que aprobar esta figura de protección é "símbolo de prestixio" e fixo argumento da "importancia económica" das touradas botando man dunha cifra inchada que lle atribúe o 2,4% do PIB do Estado, cando todo o sector primario supón o 2,7% do PIB.

UPyD: "Os animais non teñen dereitos"

O conservador pechou a súa intervención parafraseando a Ramón Pérez de Ayala, sinalando que as corridas "son proveitosas para estudar a psicoloxía do pobo español". Na mesma liña pronunciáronse outros grupos parlamentares, nomeadamente UPyD.

O seu deputado Antonio Cantó chegou a afirmar desde a tribuna que "os animais, igual que non teñen obrigas, non teñen dereitos" e arremeteu contra o rexeitamento que a ILP provocou nas formacións nacionalistas catalás sinalando que "non me estraña ver os nacionalistas pedir dereitos para os animais se os piden tamén para os territorios". O grupo parlamentar do PSOE, malia facer unha defensa estreita dos espectáculos taurinos desde a tribuna, abstívose na votación.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios