O glaciar antártico que agoira a apocalipse

Os últimos estudos científicos constataron, por vez primeira, a presenza de augas mornas baixo o Thwaites, o chamado "glaciar do Día do Xuízo Final", o que explicaría o seu recente e progresivo retraemento. O colapso desta masa de xeo provocaría un efecto en cadea que levaría a unha suba do nivel do mar de até tres metros. 
The Getz Ice Shelf helps keep the West Antarctic Ice Sheet stable.

The Getz Ice Shelf helps keep the West Antarctic Ice Sheet stable.

  (Foto de ARCHIVO)

13/6/2019
photo_camera Arredor de 90% de todo o xeo do planeta está acumulado na Antártida. A finais deste século as consecuencias do desxeo serán evidentes (Jeremy Harbeck / NASA)

"Quizais, máis que calquera outro lugar no mundo, alberga pistas cruciais sobre o futuro do planeta". O investigador británico Rob Larter, un dos principais expertos no glaciar Thwaites, encadraba desta maneira a importancia que este inmenso pedazo de xeo na Antártida ten para a vida da humanidade. 

Coñecido como o "glaciar do Día do Xuízo Final", a súa parte frontal desemboca no Mar de Amundsen, na zona occidental do continente, no sector non reclamado por ningún país, de acordo co Tratado Antártico. Ten unha superficie duns 190.000 quilómetros cadrados, aproximadamente dúas veces o tamaño de Portugal. 

Larter sinalaba esta semana ao Financial Times que actualmente "é o lugar máis vulnerábel na Antártida". A comezos deste ano, un equipo científico da Universidade Tecnolóxica de Georgia (EUA) constataba, por vez primeira, a presenza de augas mornas nun punto vital baixo este glaciar, o que explicaría o seu progresivo e extenso retraemento dos últimos tempos. Facíao, segundo explican na súa web, usando un minisubmarino robotizado, o Icefin, un proxecto deseñado orixinalmente para buscar vida na lúa de Xúpiter Europa.

Xa en xullo do ano pasado, este mesmo equipo alertaba de que a inestabilidade oculta baixo o xeo antártico está a acelerar o seu fluxo cara ao océano, aumentando o nivel do mar a un ritmo máis rápido do esperado.

Nos últimos seis anos, cinco glaciares antárticos observados duplicaron a taxa de perda de xeo, segundo a National Science Foundation (NSF) dos EUA. Polo menos un, o Thwaites, corre o perigo de sucumbir. 

Paul Cutler, director dos programas de investigación antártica da NSF, di que "a gran cuestión é saber con que rapidez se torna inestábel. Semella estar cambaleando ao bordo do precipicio". O seu colapso provocaría, de seu, a suba do nivel do mar arredor de medio metro en todo o mundo. 

O Thwaites ten ademais unha capacidade de contención doutros glaciares. De sucumbir, abriría a billa a que máis xeo acabase nos océanos e, en total, calcúlase que elevaría o nivel do mar entre dous e tres metros. A finais deste século, de acordo ás 500 simulacións elaboradas pola NSF, comezaranse a notar as consecuencias, que deixarán nos seguintes anos un mundo moi diferente ao actual. Arredor de 90% de todo o xeo do planeta está acumulado na Antártida. 

Durante dous mil anos, até finais do século XIX, o nivel do mar mantívose case sen flutuacións, mais desde a Revolución Industrial creceu arredor de 20 centímetros. Foi daquela que se comezaron a usar combustíbeis fósiles. Estes incrementan os niveis de dióxido de carbono (CO2) e doutros gases de efecto invernadoiro na atmosfera, que absorben a calor emitida polo sol aumentando a temperatura global do planeta, provocando ao tempo o desxeo glaciar.

"Entender o comportamento do Thwaites non é simplemente unha cuestión académica, é crucial para predicir como as subas do nivel do mar impactarán nas cidades e como prepararnos para un mundo radicalmente diferente", afirma Larter. A capacidade de Thwaites para esculpir o novo planeta ─anegando todas as poboacións costeiras─ e para forzar unha vida diferente nel son as que lle dan o nome de "glaciar do Día do Xuízo Final".

Centos de incendios descontrolados en Siberia e récord de temperatura no Ártico

O servizo de observación do clima da UE informou esta semana de que en xuño se rexistraran temperaturas récord no Ártico ruso de até 37 graos, dez por riba do habitual nalgunhas zonas, e cinco de maneira global. As condicións de calor e cunha tundra ─chaira propia da zona, aberta e desprovista de árbores, mais con musgo e liques─ totalmente seca propiciaron ademais numerosos incendios descontrolados, que os servizos forestais rusos calculan en case 300. Actualmente, perto de tres millóns de hectáreas de terra están a arder, mais as expectativas son que supere os 17 millóns arrasados en 2019.

Chama tamén a atención dos expertos a proximidade dos lumes, a tan só 15 km do Océano Ártico, onde normalmente é difícil que prenda ningún lume. 

Siberia, ademais da tundra, acolle extensos bosques, grandes sumidoiros de CO2.

Comentarios