Máis de 150 vítimas mortais polas inundacións en Alemaña e Bélxica

Aínda hai decenas de persoas desaparecidas en ambos os países.
Unha rúa asolagada en Erftstadt, Alemaña, nesta sexta feira (Foto: Thilo Schmuelgen / Reuters).
photo_camera Unha rúa asolagada en Erftstadt, Alemaña, nesta sexta feira (Foto: Thilo Schmuelgen / Reuters).

Segundo informa Europa Press, xa son 156 os pasamentos confirmados polas inundacións que azotaron o norte de Europa esta semana. A meirande parte dos óbitos, 133, producíronse en Alemaña, mentres Bélxica mantén os 23 notificados na sexta feira.

O último balance en Alemaña ten lugar após a confirmación doutros 43 mortos durante as últimas horas no estado de Renania, no oeste do país, mentres a Policía teme achar novos falecidos ao longo deste sábado na zona de Ahrweiler, epicentro da catástrofe nesta rexión.

A Policía alemá confirmou, aliás, outros 618 feridos, na súa maioría no val de Ahr, onde as estradas seguen bloqueadas e as pontes, derruídas.

Está previsto que a chanceler alemá, Angela Merkel, viaxe nesta xornada ás zonas máis afectadas de Renania-Palatinado.

Mentres, milleiros de traballadores de rescate seguen a buscar superviventes sen descanso na rexión de Eifel, onde as inundacións arrasaron poboacións enteiras na noite da quinta feira, e aínda hai decenas de persoas desaparecidas.

Situación en Bélxica

O temporal tamén está a afectar Bélxica, onde faleceron, cando menos, 23 persoas, e outras catro desapareceron, segundo informa o xornal Le Soir. Na rexión de Valonia, no sur do país, uns 41.000 fogares ficaron sen subministro eléctrico, polo que as autoridades anunicaron a liberación de fondos de emerxencia para axudar as poboacións afectadas.

O primeiro ministro belga, Alexander de Croo, vén de declarar o 20 de xullo como día de loito nacional en lembranza das vítimas das inundacións. Así, lamentou que espera un "empeoramento" das cifras oficiais e sinalou que a situación segue a ser "crítica" en moitas zonas do país.

Comentarios