Mebyon Kernow: 70 anos en defensa da nación córnica

A organización da esquerda nacionalista ten a súa orixe nun acto o 6 de xaneiro de  1951 nun hotel de Rysrudh coa asistencia de 13 persoas. Hoxe ten concelleiros en varias vilas e cidades de Cornualles e 4 representantes no Consello.

Cornualles Kernow
photo_camera (Foto: MK)

O 6 de xaneiro de 1951 a revista New Cornwall (O novo Cornualles) patrocinara a aparición do Mebyon Kernow /(Fillos de Cornualles), nun acto no hotel Oates de Rysrudh, ao cal asistiron 13 persoas e 7 máis enviaron o seu apoio.

Nun principio naceu como unha formación centrada na defensa da lingua e cultura córnica, e co tempo foi evoluíndo cara á demanda de plena autonomía para Cornualles. Conta con catro escanos no Consello de Cornualles e ten concelleiros e concelleiras en varias vilas e parroquias deste país, que Londres recoñeceu en 2014 como ‘minoría nacional”.

Esta formación nacionalista e de centro-esquerda defende o autogoberno para o seu país no camiño de se ir avanzando cara a maior soberanía. Con 3.500 quilómetros cadrados e 500.000 habitantes, este país celta ten actualmente un estatus moi limitado e restrinxido en canto a autogoberno se refire. “Non é que Cornualles pasase formar parte de Inglaterra. É que os ingleses van esquecer que non formabamos parte do seu país”, lamentan os nacionalistas córnicos.

Unha campaña impulsada en 2015 para recoller sinaturas solicitando o autogoberno logrou máis de 50.000 apoios. Apenas 400 persoas falan con fluidez o idioma propio do país, córnico, se ben se calcula que por volta de 5.000 poden manter unha conversa 'básica'. 

"Minoría nacional"

O Reino Unido recoñeceu oficialmente en 2014 os e as córnicas como 'minoría nacional', nunha decisión que equipara o pobo de Kernow (Cornualles) co status que ten Cymru (Gales), Escocia e Irlanda do Norde. A decisión foi cualificada daquela por Mebyon Kernow como "fantástica” polo que supón que oficialmente se recoñece que non son ingleses.

A decisión adoptada por Londres implica que o Reino Unido deberá de protexer, manter, garantir a cultura e identidade córnica. Para os nacionalistas, supoñía un pasiño adiante de cara a atinxir maior capacidade de autogoberno.

Comentarios