México reclama aos EUA normalizar relacións con Cuba e Venezuela

Foron anunciados acordos sobre migración, seguridade e economía.
Antony Blinken (2º pola dereita) e Andrés Manuel López Obrador (1º pola dereita), na madrugada de hoxe.
photo_camera Antony Blinken (2º pola dereita) e Andrés Manuel López Obrador (1º pola dereita), na madrugada de hoxe.

“Lográronse importantes acordos en beneficio dos nosos pobos e nacións” sobre migración, seguridade e economía, proclamou na madrugada de hoxe o presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador, logo dunha reunión co secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, o de Seguridade Nacional, Alejandro Mayorkas, e a asesora do Goberno de Joe Biden neste ámbito, Elizabeth Sherwood-Randall.

Sen ofrecer máis detalles sobre os pactos, López Obrador sostivo que “agora máis que nunca é indispensábel a política de boa veciñanza”, nunha xuntanza que decorreu após partir o 24 de decembro case 10.000 persoas migrantes desde Tapachula, perto de Guatemala, en dirección aos Estados Unidos.

Exixencias

A axencia AP explicou que os funcionarios estadounidenses premeron México para que free a chegada de persoas á súa fronteira, nun mes no que 10.000 migrantes foron detidas a diario na raia. Nese sentido, en paralelo á reunión, foi desmantelado un campamento de migrantes na beira mexicana dos lindes comúns.

Ao tempo, México demanda que os Estados Unidos abran cruces fronteirizos fechados, así como que impulsen a normalización de relacións con Cuba e Venezuela, países dos que procede unha parte significativa das persoas migrantes, e acheguen máis axuda para o desenvolvemento da rexión.

Loita contra a pobreza

Luis Rey García, coordinador do Centro de Dignificación Humana, que acompaña a caravana que partiu de Tapachula, asegurou que é preciso abordar directamente a pobreza na zona, causa principal do “éxodo”.

1.140 persoas faleceron este ano nesta ruta migratoria, 84 delas eran crianzas, reporta a Organización Internacional para as Migracións.

Comentarios