Acnur considera ilegal a nova proposta de xestión migratoria de Washington

39 migrantes faleceron nun incendio nun centro de retención en México.
Cartaz 'advertindo' da presenza de migrantes, nos EUA.
photo_camera Cartaz 'advertindo' da presenza de migrantes, nos EUA.

A nova proposta migratoria da Administración dos Estados Unidos é "incompatíbel co dereito internacional" ao restrinxir os dereitos das persoas solicitantes de asilo, trasladou esta terza feira o Alto comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur).

O organismo debullou que a proposta non cumpre con elementos chave das normas que garanten os dereitos das refuxiadas e refuxiados, e advertiu que de entrar en vigor a normativa podería chegar a facilitar a expulsión de migrantes a países nos que a súa vida estaría en risco pola falta de seguridade.

Após admitir que a situación é "complexa" na fronteira sur dos Estados Unidos, Acnur indicou que as medidas que se decidan "non deben afectar o acceso ao asilo", senón ser "eficientes para xestionar a entrada nos cruces fronteirizos".

39 mortos en México

Un incendio na madrugada desta terza feira nun centro de retención de migrantes en Ciudad Juárez (México), á beira da fronteira estadounidense, deixou cando menos 39 persoas falecidas procedentes do centro e sur de América, confirmaron as autoridades mexicanas.

O mandatario do país, Andrés Manuel López Obrador, informou de que polo de agora a hipótese coa que traballan é a dunha protesta das persoas migrantes ao coñecer que serían deportadas, polo que terían prendido lume a varios colchóns antes de que as lapas se propagaran. Reuters sinala que a protesta se produciu no marco dunha acumulación de migrantes nas cidades mexicanas polos erros na aplicación estadounidense para solicitar asilo, que xa provocou un enfrontamento na fronteira este mes.

Comentarios