Joe Biden despregará o exército na fronteira con México a vindeira semana

Segundo fontes da Casa Branca, os soldados provirían de distintas unidades do Exército e servirían durante 90 días.
Soldados do exército dos EUA na fronteiro con México (Foto: Roberto E. Rosales / Albuquerque J / DPA).
photo_camera Soldados do exército dos EUA na fronteiro con México (Foto: Roberto E. Rosales / Albuquerque J / DPA).

A administración de Joe Biden aprobou o envío, nos próximos días, de 1.500 soldados á fronteira entre os EUA e México, baixo o pretexto de que centos de inmigrantes poderían ingresar ao país unha vez que se levante o Título 42, a política que, coa xustificación da pandemia da Covid-19, permitiu a expulsión expedita de persoas do país norteamericano.

"O presidente [Biden] usou as ferramentas que ten fronte a el para prepararse antes do levantamento do Título 42", dixo na madrugada desta cuarta feira a voceira da Casa Branca, Karine Jean-Pierre, ao confirmar o envío de 1.500 soldados á fronteira sur.

Segundo fontes da Casa Branca, os soldados provirían de distintas unidades do Exército e servirían durante 90 días, principalmente en funcións administrativas e de transporte. Este despregamento sería similar ao ordenado polo ex presidente Donald Trump [2017-2021] na fronteira sur do país norteamericano.

Fin do Título 42

O Título 42 cesará a súa aplicación o próximo 11 de maio ás 23.59 horas locais. Pero iso non significará "que a fronteira estea aberta", aclarou o Departamento de Estado nunha nota publicada a semana pasada.

"Cando se levante a orde do Título 42 ás 23.59 horas do 11 de maio, EUA volverá utilizar o Título 8 para procesar e expulsar rapidamente as persoas que chegan ilegalmente á fronteira", di o texto.

Ademais, ante a fin do Título 42, EUA anunciou unhas novas medidas para conseguir unha migración regular, ordenada e segura, que contará coa colaboración de Guatemala, Colombia, México, España ou Canadá.

En Guatemala e Colombia, por exemplo, comezarán a operar os Centros Rexionais de Procesamento (RPC, polas súas siglas en inglés), sitios para tramitar solicitudes de asilo, permisos laborais e de reagrupamento familiar.

Así mesmo, os Gobernos canadense e español tamén aceptaron recibir migrantes que sexan referidos deses centros.

Comentarios