Marrocos defende na ONU como "única solución" o seu polémico plan sobre o Sáhara

Rabat cualifica a cuestión do Sáhara Occidental como "un conflito rexional artificial" diante da Asemblea Xeral de Nacións Unidas.
Aziz Ajanuch, primeiro ministro de Marrocos. (Foto: Chadi / Xinhua News)
photo_camera Aziz Ajanuch, primeiro ministro de Marrocos. (Foto: Chadi / Xinhua News)

O primeiro ministro marroquí, Aziz Ajanuch, defendeu esta cuarta feira a proposta de autonomía para o Sáhara Occidental que o seu país defende como "única solución realista e xusta ao conflito", reivindicando, máis unha vez, a "marroquinidade" deste territorio.

Na súa intervención diante da Asemblea Xeral da ONU, reiterou o "compromiso" de Marrocos de ofrecer unha "solución política definitiva" ao que cualificou de "conflito rexional artificial", se ben matizou que esta pasará pola "integridade territorial e a soberanía nacional do reino".

A "creación e mantemento" desta "polémica" que a ollos de Rabat é "artificial", precisou o primeiro ministro, é "responsabilidade de Alxeria". Porén, subliñou a importancia de que Arxel participe das negociacións para achar un "arranxo definitivo" a este conflito.

Ajanuch referiuse ao Sáhara como "as provincias do sur" e afirmou que "viven ao ritmo dunha dinámica de desenvolvemento irreversíbel" grazas, ao seu entender, ao "modelo de desenvolvemento" lanzado polo rei Mohamed VI en 2015.

Marrocos acelerou a súa ofensiva diplomática sobre o Sáhara desde que a finais de 2020 obtivo o visto bo dos EUA, daquela baixo o Goberno de Donald Trump, e continúa a procurar apoios na comunidade internacional.

O pasado mes de marzo o Executivo español sumouse á lista de 'socios' de Rabat, cando o presidente, Pedro Sánchez, trasladou por carta a Mohamed VI o seu apoio alegando que o plan de autonomía marroquí é "a base máis seria e realista para a resolución" do conflito.

Este xiro radical na postura de Moncloa a respecto do Sáhara provocou múltiples protestas, tanto nas rúas como nas institucións, e desencadeou un conflito diplomático con Alxeria.

Comentarios