Máis de 5,7 millóns de persoas abandonaron Ucraína pola guerra

Polonia, Romanía e Rusia son os países que máis persoas acolleron, segundo a ONU.
Centro de persoas refuxiadas na capital polaca, Varsovia. (Foto: Attila Husejnow / Zuma Press)
photo_camera Centro de persoas refuxiadas na capital polaca, Varsovia. (Foto: Attila Husejnow / Zuma Press)

O Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (Acnur) informou esta sexta feira de que, desde o inicio da invasión rusa de Ucraína o pasado 24 de febreiro, abandonaron o país máis de 5,7 millóns de persoas.

A cifra de persoas refuxiadas continúa a aumentar en varios milleiros por día. Así, xa cruzaron a fronteira a Polonia máis de 3,1 millóns de persoas, mentres perto de 857.000 desprazáronse a Romanía; 551.000, a Hungría; 452.000, a Moldova; 391.000, a Eslovaquia, e 26.000, a Belarús.

Aliás, Acnur ten constancia de perto de 728.000 refuxiados e refuxiadas que viaxaron a Rusia, se ben o Kremlin afirma que os rexistros superan o millón de persoas.

En total, a ONU cre que abandonarán o país até 8,3 millóns de ucraínos e ucraínas. Por outra parte, estima en arredor de 7,7 millóns as persoas desprazadas de forma interna en Ucraína.

Bachelet: "A situación semella non ter fin"

A Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, afirmou esta sexta feira que "non semella haber un fin á vista" na guerra de Ucraína, xa que a situación "segue a deteriorarse".

"O meu persoal enterouse de casos de mulleres que foran violadas polas Forzas Armadas rusas en áreas que estaban baixo o seu control, así como outras denuncias de violencia sexual reportadas por ambas as partes", lamentou.

Aliás, Bachelet engadiu: "Están a xurdir sombrías probas de torturas, malos tratos e execucións sumarias de prisioneiros de guerra cometidos por ambas as partes no conflito. A miña oficina está a recompilar tales probas, que se incluirán nun informe futuro".

Comentarios