Grande resultado do nacionalismo corso

Macron atinxe maioría parlamentar nunhas eleccións con abstención récord

Os Republicanos, segunda forza mentres PS cae a 42 escanos. Francia Insubmisa obtén 27 deputados e a Fronte Nacional, 8. O nacionalismo corso entra na Asemblea, con 3 parlamentares.

macron
photo_camera Emmanuel Macron

Emmanuel Macron obtivo este domingo unha nova, e anunciada vitoria na segunda volta das lexislativas francesas se ben o triunfo foi menos contundente do que predicían analistas e medios e empañado por unha altisima abstención, de 57 por cento. Porén, vitoria e ampla ao fin e ao cabo.

A República en Marcha de Macron e o seu aliado, o centrista MoDem logran 341 escanos nun Parlamento de 577. Unha maioría que lle permite encetar o programa de reformas e cambios que o presidente vén publicitando desde hai meses como indispensábeis.  

Os Republicanos e os seus aliados sofren unha importante caída mais son segunda forza parlamentar, con  135 escanos. A dereita tradicional gala logra resistir a ‘’vaga’ Macron  e serás a principal forza da oposición. Quen sofre nas urnas un importante golpe é o Partido Socialista, que apenas logrou 42 representantes. Apenas farangullas para quen foi nestes anos o principal partido de Francia e tiña máis de 250 deputados na Asemblea.

Francia Insubmisa atinxe os 27 deputados e terá grupo parlamentar de seu. A Fronte Nacional logra 8 escanos, por baixo dos 15 que permiten ter grupo. Le Pen logra entrar na Cámara, vencendo o ‘cordón republicano’ en segunda volta.

O nacionalismo corso entra e con 3 deputados, amosando o bo momento do movemento na illa. Após lograr gañar as eleccións corsas en 2015, Pè A Corsica (que une rexionalistas nacionalistas e independentistas) sitúa 3 parlamentares en París. A isto engádese que a Polinesia elixiu un representante independentista para a Asemblea.

Mais a protagonista dos comicios deste domingo foi a abstención, 57 por cento. Apenas catro de cada 10 franceses que podían ir a votar optou por facelo. Unha porcentaxe mínima para un país que sempre rexistraba importantes porcentaxes de participación nas urnas.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios