Londres bloquea a 'lei trans' de Escocia malia as advertencias de Edimburgo

O Goberno británico vetará a norma mediante unha regra nunca antes empregada que permite intervir e frear "asuntos reservados" ao Executivo central.
Manifestación en Escocia en defensa dos dereitos das persoas trans esta segunda feira, 16 de xaneiro. (Foto: Stewart Kirby / Zuma Press / ContactoPhoto).
photo_camera Manifestación en Escocia en defensa dos dereitos das persoas trans esta segunda feira, 16 de xaneiro. (Foto: Stewart Kirby / Zuma Press / ContactoPhoto).

O ministro británico para Escocia, Alister Jack, prevé presentar hoxe ante a Cámara dos Comúns unha orde para impedir que o proxecto de lei sobre a autodeterminación de xénero en Escocia, aprobado o pasado mes de decembro, sexa finalmente ratificado.

O ministro británico para Escocia lanzou onte un comunicado no que confirmou tomar a decisión "tras unha consideración minuciosa e coidadosa de todos os consellos relevantes e as implicacións políticas".

"Preocúpame que esta lexislación teña un impacto adverso na funcionamento da lexislación sobre igualdade en Reino Unido", recoñeceu Jack, quen incidiu en que as persoas trans "merecen o respecto, apoio e comprensión" das autoridades.

Neste punto, Jack incidiu en que non tomou esta decisión "á lixeira", pero que en vistas das consecuencias adversas que o proxecto de lei escocés podería ter no resto de territorios británicos era "necesario e correcto" vetalo.

O ministro británico para Escocia apuntou, finalmente, que deu a coñecer a decisión ás autoridades escocesas e instou a Edimburgo a presentar un proxecto de lei emendado e co que traballar de forma conxunta e "construtiva" con Londres para que "respecte" o funcionamento do Parlamento británico.

Unha veto inédito

Desta forma, o Goberno de Rishi Sunak utilizará por primeira vez unha norma que permite bloquear leis que considere que afectan a "asuntos reservados" ao Goberno central. Trátase da sección 35 da lei que estabeleceu a autonomía do Parlamento escocés en 1998, que permite a Londres realizar este veto.

Malestar en Escocia

A decisión non caeu nada ben en Escocia. A ministra principal, Nicola Sturgeon, denunciou que a decisión de Londres é un "ataque frontal" ao Parlamento escocés e á súa capacidade para tomar as súas propias decisións.

"O Goberno de Escocia defenderá a lexislación e defenderá o Parlamento. Se este veto de Westminster ten éxito, será o primeiro de moitos", alertou Sturgeon no seu perfil oficial da rede social Twitter.

Sturgeon xa advertira esta mesma segunda feira ao Goberno central de Reino Unido do risco de utilizar como "arma política" a lei que facilita a autodeterminación de xénero, avisando de que calquera posíbel veto desde Londres sería unha "atrocidade".

Lei trans de Escocia

O Parlamento escocés deu luz verde á lei trans en decembro, por unha ampla marxe aínda que non sen polémica, tanto dentro como fóra do ámbito estritamente político.

A reforma reduce a 16 anos a idade á que se pode solicitar á administración un cambio de xénero, elimina o requisito de presentar un informe médico e reduce a tres meses o tempo en que a persoa solicitante debe vivir conforme ao xénero que reclama -seis meses se se trata de menor de idade-.

Comentarios