A lexislatura será "longa e estábel", reivindica Sánchez ante a cúpula económica española

Pedro Sánchez tira de patriotismo para apelar á unidade ante a pandemia.
O presidente do Executivo na conferencia 'España pode' con empresariado e axentes sociais (Imaxe: R. Rubio Pool / Europa Press)
photo_camera O presidente do Executivo na conferencia 'España pode' con empresariado e axentes sociais (Imaxe: R. Rubio Pool / Europa Press)

Fraguar "unidade" e "desterrar a loita partidista" son as chaves que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, situou esta segunda feira, 31 de agosto, como condicións fundamentais para "superar o drama" do coronavirus. Por iso pediu "un novo clima político", marcado pola estabilidade, cuestión que o seu Executivo "pensa garantir"; e pola superación de "vellos clixés". Así se pronunciou na conferencia que o Goberno organizou baixo o título "España pode", ante un centenar de representantes do empresariado, axentes sociais e do mundo da cultura e da sociedade civil. "España necesita moita xente arrimando o ombreiro", dixo Sánchez, para aseverar que "España pode, se España quere. Se non todos, polo menos moitos, os máis", engadiu.

Sánchez defendeu os "logros da España constitucional", xa que "non hai xustificación para non apreciar o conseguido nestes 40 anos de democracia", dixo. "En moitas ocasións fálase mellor de España fóra que dentro. A lenda negra nace dentro. O peor mal de España foi sempre non crer en si mesma. Debemos desterralo. España pode se España quere. Demostrámolo. España viviu unha guerra, unha longa ditadura tras un golpe de Estado á república. Esa historia lévanos a non valorar o que fixemos nos últimos 40 anos. Temos un país do que debemos sentirnos tremendamente orgullosos”, insistiu. 

O xefe do Executivo advertiu de que a lexislatura será longa, porque o Goberno de coalición que preside "pode garantir a estabilidade do Executivo os 40 meses" que quedan por diante, así que depende de todos que, ademais de "estábel e dilatada", sexa "fecunda". Con todo, deixou claro que non pretende a "unanimidade" -"non son inxenuo", dixo-, de entrada porque "existen forzas que se  autoexclúen". "España debe entenderse con España como Europa se entendeu con Europa en xullo", subliñou Sánchez, que precisamente ten esta cuarta feira unha xuntanza na Moncloa coa líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, e co do Partido Popular, Pablo Casado. 

Goberno e empresariado 

Xunto ao Goberno en pleno acompañaron a Sánchez empresarias como a presidenta do Banco Santander e a de Rede Eléctrica, así como os presidentes de Telefónica, Iberdrola, Bankia,  BBVA, ACS, Repsol e Inditex. Tamén asistiron o presidente da patronal española (CEOE) e os secretarios xerais dos sindicatos CCOO e UXT. 

Sánchez augurou que a pandemia, a pesar de todo, non imprimirá xiros bruscos senón que acelerará transformacións que xa estaban en marcha. Así, quixo ver "oportunidades" na incerteza e insistiu en traballar en catro grandes transformacións: a dixital, a ecolóxica, a cohesión social e territorial e a feminista.
 

Comentarios