Sánchez rectifica e di que as comunidades poden xestionar o estado de alarma

O presidente español recoñece que a situación sanitaria non é igual en todo o Estado.
O presidente do Executivo, Pedro Sánchez, onte en rolda de prensa após o Consello Ministerial (Imaxe: R.Rubio.Pool / Europa Press)
photo_camera O presidente do Executivo, Pedro Sánchez, en rolda de prensa após o Consello Ministerial (Imaxe: R.Rubio.Pool / Europa Press)

Logo de o Goberno estatal teimar na necesidade do mando único durante o confinamento e na transición cara á nova normalidade e de insistir en que o virus non entendía de fronteiras ante os distintos grupos políticos que pedían o fechamento de Madrid para evitar a expansión da Covid-19, así como blindar territorios (Galiza, Catalunya, Murcia..), o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, recoñece agora que a situación epidemiolóxica non é "homoxénea" en todo o Estado e ofrece a posibilidade ás comunidades autónomas de pedir un estado de alarma individualizado, de estimaren estas que for preciso. 

Segundo explicou Sánchez na rolda de prensa desta terza feira, 25 de agosto, após o primeiro Consello Ministerial logo das ferias, cada presidenta ou presidente autonómico sería o encargado de defender no Congreso a declaración de alarma na súa comunidade ou en partes dela que estean afectadas polas repuntas do coronavirus.

A Presidencia autonómica tamén tería que defender na Cámara Baixa as eventuais prórrogas do estado de alarma e ademais pasaría a ser a máxima autoridade competente para facer fronte á crise sanitaria. Aliás, Sánchez adiantou que todas as solicitudes "fundadas" contarán co apoio parlamentario da "maioría que sostén o Goberno".

O xefe do Executivo español recoñeceu que a lei non obriga as Presidencias autonómicas a acudir persoalmente ao Congreso para defender un estado de alarma no seu territorio e que terá que ser a Mesa do Congreso quen decida o formato, mais insistiu en que cada presidenta e presidente é a persoa máis adecuada para explicar a situación que atravesa a súa respectiva comunidade autónoma.

Ademais, Sánchez lembrou que unha declaración do estado de alarma non ten por que implicar un confinamento. "A resposta ao virus", dixo, "non ten por que ser a mesma que no mes de marzo porque a maquinaria está mellor  engraxada" e coñécese máis sobre a enfermidade.

O mandatario español asegurou que a situación " é preocupante" e que "non é homoxénea territorialmente: non o foi inicialmente, durante o estado de alarma, e non o é despois del". Hai territorios que encontraron máis eficacia" para combater o virus "e por iso teñen unha situación máis tranquila, e outros están a ter problemas". 

"O Goberno", dixo, "está na cogobernanza" coas comunidades, argumento que empregou para mobilizar o exército español a modo de rastrexadores. Poñemos "a disposición", dixo Sánchez, 2.000 militares para as autonomías que consideren que non teñen suficiente persoal rastrexador, aínda que non quixo sinalar ningunha en concreto.

"O que ten que facer o Goberno é fortalecer o Estado autonómico", continuou con insistencia, lembrando que durante a primavera foi acusado de "recentralizar" e apropiarse das competencias autonómicas.

Comentarios