A lava desborda no cono principal do volcán de La Palma

Malia a espectacularidade das imaxes e o temor que trasladaron á cidadanía, o Instituto Volcanológico de Canarias (Involcan) quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade. Afirma que o sucedido entra dentro do comportamento normal dun volcán.
A lava nas rúas da illa hai escasos días. (Foto: Involcan)
photo_camera A lava nas rúas da illa hai escasos días. (Foto: Involcan)

A actividade do volcán de Cumbre Vieja, na illa de La Palma, non cesa e o poder destrutivo da lava mesmo vai a máis por momentos. Na tarde desta quinta feira o Instituto Volcanológico de Canarias (Involcan) informou de que a colada que saía do cono principal desbordou afectando a novos espazos.

A pesar de que o volcán leva activo xa 25 días, hoxe detectáronse novas imaxes que incrementan o medo da poboación.

"Nada preocupante por agora", aseguran desde Involcan

Segundo algunhas informacións, o avance do material saído de Cumbre Vieja implicou a destrución dun campo de fútbol e dun supermercado nun lugar que fora desaloxado esta mesma semana.

As autoridades sinalaron que perto de 1.200 veciñas e veciños tiveron que ser desprazados pola ameaza da lava, o que eleva o número global de persoas que están fóra dos seus fogares a case 7.000.

No entanto, desde Involcan garanten que este suceso "é común polas flutuacións do caudal de lava". "Nada preocupante por agora", engadiron as mesmas fontes.

De feito, desde o Instituto Xeográfico Nacional (IGN) tamén quixeron tranquilizar á xente confiando en que esa lava desbordada acabe regresando ao caudal da colada principal.

Comentarios