A lava chega ao mar nunha zona de cantís da illa canaria da Palma

Alcanzou o mar esta noite, nove días despois de comezar a erupción
volcán palma IEO
photo_camera (Foto: IEO)

O Instituto Español de Oceanografía(IEO)  advirte de que se está xerando un "impresionante depósito" de máis de 50 metros de altura na costa. A lava que emerxe da erupción volcánica da Palma chegou esta noite ao mar nunha zona de cantís na costa de Tazacorte.

A lava foi caendo de forma lenta e o único que se puido ver de lonxe son pedras candentes que caen ao mar, segundo a retransmisión que realiza a Televisión Canaria desde un barco e as imaxes facilitadas desde o buque do Instituto Español de Oceanografía Ramón Margalef.

A escuridade da noite non permitía ver as columnas de vapor de auga que supostamente se deberon formar polo choque térmico de lava co mar, columnas que levan uns gases que poden resultar tóxicas para os ollos, os pulmóns e a pel.

Si se constata un fume negro, que forma parte do proceso que se produce cando a lava cae ao mar. Desde un cantil  a lava caeu ao mar desde unha altura duns cen metros por un cantil situado nas proximidades da praia El Guirre, en Tazacorte.

Momentos antes de que a lava chegase ao mar, pasadas as 23 horas, evacuouse a zona do porto de Tazacorte, no que se congregaban traballadores de medios de comunicación, que se desprazaron até o miradoiro da montaña  El Time. Desde alí divísase desde a distancia a caída de lava polo cantil, situado lixeiramente ao norte do lugar onde caeron as coladas de lava do volcán de San Juan en 1949.

Comentarios