Unha nova colada aparece no volcán e son xa 1.000 as construcións arrasadas

Os científicos despregados na illa da Palma xa están a vixiar a aparición dunha nova coada que se orixinou a pasada noite na zona do cono secundario e que discorre nestes momentos cara ao mar, de forma paralela á coada principal.

kike rincon europa press
photo_camera A lava chegando ao mar o pasado día 30 (Imaxe: Kike Rincón / Europa Press)

O director da área de Vixilancia Volcánica do Instituto Volcanolóxico de Canarias (Involcan), Luca D' Auria, indicou en declaracións a Radio Canaria que aínda que non parece unha coada moi grande, si está a afectar zonas que antes non se viran afectadas pola lava e diríxese cara ao mar, en paralelo á principal.

D' Auria informou de que esta evolución do campo de lava é normal e ten un comportamento que depende moito da temperatura, polo que se un lado da coada arrefría, pode retardarse, haber un solapamento de coadas, romper fendas e a coada pode saír doutra banda.

O responsábel do Involcan engadiu que é unha evolución continua que non é posíbel prever a curto ou medio prazo. O único que se pode facer é controlar a situación e facer previsións cando haxa novos cambios como este, pero até que non se sobrevoe a zona non se saberá cal é a extensión, a velocidade e a dinámica desta nova coada, dixo.

80 millóns de metros cúbicos

O volcán, que entrou en erupción hai 13 días na zona de Cabeza de Vaca, no municipio do Paso, emitiu xa 80 millóns de metros cúbicos de material magmático, case o duplo que o Teneguía, que entrou en erupción en 1971 e lanzou máis de 43 millóns.

A descrición achegouna na sexta feira o presidente de Canarias, Ángel Víctor Torres, nunha rolda de prensa acompañado polo ministro da Presidencia, Félix Bolaños, e o presidente do Cabildo da Palma, tras a reunión da primeira comisión mixta entre o Estado e as institucións canarias.

O presidente dixo tamén que a oficina de atención aos damnificados abrirá de forma inminente na Casa Massieu de Los Llanos de Aridane con persoal de empresas públicas da comunidade autónoma caso de GMR, Gesplan, Visocan e o Icavi, e anunciou a contratación de 14 traballadores sociais para avaliar a situación persoal de cada afectado.

Nesa liña, sinalou que a próxima semana van comprar as primeiras 16 vivendas e á seguinte, outras 26, co fin de ter ao redor dun centenar antes de que acabe o ano. Ademais, deixou claro que a "prioridade" serán as persoas que perderon a súa única vivenda e non teñen aloxamento alternativo -por agora hai menos de 200 persoas recollidas no hotel de Fuencaliente-.

Torres comentou tamén que se traballa para mellorar as vías provisionais habilitadas para manter a comunicación coa costa de Los Llanos de Aridane e en sistemas que garantan a subministración de auga potábel e regadío se finalmente quedan afectados.

O último balance cifra en mil as construcións arrasadas pola lava.

Comentarios