Labazada en Hesse aos partidos da gran coalición alemá e a ultradereita entra no Parlamento

CDU e SPD rexistran importantes descensos mentres aumentan en votos Os Verdes, a extrema dereita e Die Linke.

parlamento hesse

Nas anteriores eleccións rexionais, 2013, CDU e SPD sumaban case 70% dos votos. Cinco anos despois, as dúas forzas que integran a gran coalición de goberno de Merkel non chegan 47% dos apoios, 23 puntos menos. Un dado que exemplifica o terremoto político que Alemaña experimentou nestes anos.

Daqueles comicios de 2013 saíu un goberno de coalición verdi-negro, entre CDU e Os Verdes. Mentres os primeiros levaron unha sonora labazada e4ste domingo nas urnas os segundos experimentaron un importante aumento que os sitúa como segunda forza en Hesse, desprazando o SPD.

CDU tivo 27% dos votos e 40 escanos, 7 escanos menos. Os Verdes logran 19,8% (11% en 2013) e 29 deputados, 15 máis que hai cinco anos. Os socialdemócratas obteñen 29 asentos na Cámara do land, 8 menos que en 2013, ao recibir 19,8% dos sufraxios.

A extrema dereita (AfD) entra no parlamento e faino como cuarta forza, con 19 escanos e 13% dos votos; por diante dos liberais de FDP (11 escanos) e a esquerda Die Linke, que gañou 3 deputados (pasa de 6 a 9).

Estes resultados chegan apenas dúas semanas despois de que Baviera retirase a maioría a CSU, o partido democristiano -irmán da CDU de Merkel-que levaba décadas gobernando con comodidade neste territorio. Desde 1962 CSU só perdera unha vez a maioría absoluta, en 2008.

Merkel non recuncará na presidencia da CDU

Angela Merkel non se presentará á reelección como líder da CDU, unha decisión na que pesaron os reveses que o partido sufriu nas últimas citas electorais. 

Comentarios