Acordo entre JxCat e ERC para se repartiren os postos chaves no organigrama dos meios de titularidade pública cataláns. A entente desatasca todo o proceso conducente á investidura do president da Generalitat, posto en risco a semana pasada por discrepancias xusto nesta materia. O pacto é formar un goberno de simetría perfeita, idéntico número de cadeiras para cada formación política, e mesma percentaxe de gasto pública para xestionar.
En virtude do pacto -revelado por ElNacional.cat- a presidencia da Corporació Catalana de Mijtans Audiovisuals irá recaer nunha persoa da órbita de ERC. En troca, JxCat designará o xefe de informativos da TV3, cargo que na pasada lexislatura foi ocupado por un xornalista afín á formación republicana. ERC proporá un profisional para a dirección de Catalunya Radio, mentres que as direccións da TV3 e dos servizos informativos da radio pública catalá serán próximas á JxCat.
Tamén será un dirixente de JxCAT quen asuma a portavocía do Govern. ERC entrega, por tanto, pezas sensíbeis para, en troca, ficar coa presidencia da corporación, cargo do organigrama de comunicación considerado sensíbel pola formación republicana.
E resolvida esta cuestión, as últimas horas presenciaron avanzos significativos rumo ao acordo definitivo sobre a investidura. Xa está despexada a incógnita sobre o rol que vai xogar Carles Puigdemont neste novo tempo político. Presidirá un órgao de nova criación, o Consello da República, que se constituirá os próximos días en Bruxelas. Será unha sorte de president simbólico do xerme do futuro Estado catalán. Canto á persoa que o relevará formalmente como titular da Generalitat, a proposta que neste momento hai sobre a mesa -e que reuniría o consenso de JxCat e ERC- é o ex president da Assemblea Nacional Catalana e deputado de Junts per Catalunya Jordi Sànchez [a quen entrevistamos en Barcelona o 1 de outubro, o mesmo día do referendo]. Está en prisión preventiva en Estremera desde o pasado 16 de outubro, mais, a diferenza de Puigdemont, si podería cumprir o requisito de candidatura presencial no Parlament imposto polo Tribunal Constitucional para non vetar a operación. En todo caso, a decisión última -a de permitirlle saír da cadea para asistir ao pleno- tena que tomar o xuíz do Supremo, Pablo Llarena.
Caso de finalmente se frustrar a opción de Sànchez, o nome que se baralla é o de Jordi Turrull, tamén imputado por rebelión, sedición e malversación de fondos, mais en liberdade provisoria por un auto xudicial de Llarena. Niso tamén habería acordo entre JxCat e ERC. Persisten, porén, as discrepancias no que atinxe á vicepresidencia. JxCat vería con bons ollos que a ocupase Oriol Junqueras -por aquilo de restituír o máximo posíbel o Govern previo á intervención do 155-, mentres que Esquerra optaría por Marta Rovira, a súa número dous, por non ter o handicap da privación de liberdade, embora tamén recaia sobre ela o cargo de rebelión pola súa participación nun pretenso estado maior independentista.
Nota: recuperamos o vídeo da entrevista que o colaborador de Sermos Antón Escuredo, desprazado a Barcelona, fixo na noite do 1-O a Jordi Sànchez, ben como tamén a Jordi Cuixart, apenas 15 dias antes de ingresaren en prisión.