Os Jordis fan un ano en prisión: "O obxectivo non é saír, senón afrontar o embate do estado"

Un ano en prisión preventiva. É xusto o que levan os líderes das entidades cívicas soberanistas Ómnium Cultural e Assemblea Nacional Catalana, Jordi Cuixart e Jordi Sànchez, respectivamente.

Jordi Sánchez e Jordi Cuixart.
photo_camera Jordi Sánchez e Jordi Cuixart pasean cara a Audiencia Nacional 16 de outubro de 2017, o seu último día en liberdade

Os Jordis non quixeron perder a oportunidade de enviar unha mensaxe á sociedade catalá no día en que fan un ano en prisión. O meio para se expresaren, senllas misivas á emisora RAC 1, a estación de radio do grupo La Vanguardia que é hexemónica en Catalunya. Na súa carta, Jordi Cuixart afirma taxativo que o seu obxectivo "non pode ser saír da prisión, senón afrontar o seguinte embate que nos coloca o estado da única maneira que o sabemos facer neste país; unidos desde a diversidade, a transversalidade e a radicalidade democrática". En troca, Jordi Sànchez —número dous de JxCat e, na súa condición de preso, candidato falido por esta formación á presidencia da Generalitat— optou por un comunicado máis breve: "Quero saír xa da prisión, mais non a calquera prezo". "Se alguén pretende comprar o meu silencio ou a miña renuncia a me expresar e a me manifestar, a defender activa e pacificamente o dereito á autodeterminación do meu país, equivócase", acrecentou.

Cuixart expresa a súa seguranza de que o xuízo ao que se verán submetidos —sob os cargos de rebelión, sedición e malversación de fondos— vai ser un "altavoz internacional"  e, ao tempo, envía unha mensaxe a aqueles que defenden a vía do seu perdón por un decreto da Moncloa: "Aqueles que perden o tempo a falaren dun indulto é que non entenderon nada, nada de nada".

O presidente de Ómnium Cultural apela non só á Catalunya independentista, mais tamén a aquela que defende o dereito a decidir: "As peticións da Fiscalía (e de Vox!) deben topar coa resposta serena, mais contundente, de perto de 80 por cento que se opón ao noso encarceramento e defende o referendo de autodeterminación".

Os Jordis ingresaron en Alcalá Meco tal día como hoxe, en 2017, após compareceren perante a xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela, que decretou prisión provisional para ambos. Desde xullo están no centro penitenciario de Lladoners, despois de o tamén maxistrado da AN Pablo Llarena autorizar o seu traslado.

Comentarios