Israel perpetrou en Gaza un ataque "semellante ao uso de armas químicas" malia estar prohibido

Así o conclúe un informe dun organismo independente que analiza o acontecido na noite do 15 de maio en Behit Lahiya (Gaza), cando o Exército israelí bombardeou "deliberadamente" un almacén inzado de produtos agroquímicos.
Funeral en Gaza após os intensos ataques do 15 de maio de 2021 por parte das forzas israelíes. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Funeral en Gaza após os intensos ataques do 15 de maio de 2021 por parte das forzas israelíes. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

Na noite do 15 de maio de 2021, cando a cidadanía palestina conmemoraba o 73º aniversario do 'Nakba', as forzas israelíes perpetraron en Gaza un ataque que deixou consecuencias para as persoas que o sufriron "semellantes ás dun ataque con armas químicas".

Así o vén de concluír un informe presentado esta segunda feira e elaborado por Forensic Architecture, axencia de investigación multidisciplinar con sede no Reino Unido, que fai referencia ao disparo de proxectís de artillaría incendiarios contra un almacén de produtos agroquímicos que "prendeu lume a centos de toneladas de praguicidas tóxicos, fertilizantes e outros materiais". O ataque fixo parte dunha nova e potente ofensiva de Israel sobre Gaza, con continuos ataques nesas xornadas.

Trátase do almacén de Khudair, en Beit Lahiya, "o máis grande de Gaza", que concentraba daquela "aproximadamente 50% de todos os produtos químicos agrícolas vitais" utilizados neste territorio.

O ataque propiciou unha columna de fume tóxica que abrangueu unha área de até 5,7 quilómetros cadrados, deixando as persoas residentes nesta localidade "loitando contra graves problemas de saúde".

Concentración de dióxido de xofre na área da explosión. (Infografía: Forensic Architecture)
Concentración de dióxido de xofre na área da explosión. (Infografía: Forensic Architecture)

"As áreas a centos de metros [de distancia] do almacén tiñan concentracións de dióxido de xofre e pentóxido de fósforo superiores a AEGL-2 [índice de toxicidade elevado], o que indica un alto risco de dano irreversíbel para a saúde humana", sostén o informe.

O doutor Salvador Navarro-Martínez, experto en dinámica de fluídos que participou das pescudas, informa de que dúas residentes da zona experimentaron "abortos espontáneos" pouco tempo despois do bombardeo.

"O bombardeo do almacén, con coñecemento da presenza de químicos tóxicos alá almacenados, equivale ao uso de armas químicas por medios indirectos, o que está claramente prohibido [...] e é perseguíbel en virtude do Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional", precisan desde Forensic Architecture.

Comentarios