Illa e Sánchez fechan o Congreso do PSC coa vista posta na Presidencia da Generalitat

Aragonès rexeita asinar un documento de compromiso de non pactar co PSC, aínda que ve esta formación "moi lonxe dos postulados de ERC".
Salvador Illa e Pedro Sánchez, este sábado (Foto: Kike Rincón / Europa Press).
photo_camera Salvador Illa e Pedro Sánchez, este sábado (Foto: Kike Rincón / Europa Press).

O 15 Congreso do PSC aprobou este domingo con 98% dos votos a favor a nova Executiva proposta polo primeiro secretario, Salvador Illa, que ascende a Lluïsa Moret como viceprimeira secretaria -até o de agora era viceprimeira secretaria de Organización e Acción Electoral-, e á alcaldesa de Santa Coloma de Gramenet, Núria Parlon, como nova voceira.

Os 1.020 delegados e delegadas avalaron a proposta na xornada de clausura do Congreso, que fechou o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, xunto a Salvador Illa, quen este sábado foi ratificado como primeiro secretario e candidato do PSC nas eleccións catalás do vindeiro 12 de maio.

Sánchez afirmou textualmente que a dereita e a ultradereita "non aceptan España tal e como é, plural politicamente e diversa territorialmente, con distintas linguas e culturas”, e engadiu que “só o PSOE pode gobernar a complexidade actual”. “Catalunya nunca avanzará nin soa nin dividida, Catalunya avanzará unida”, concluíu o presidente do Goberno español, que se mostrou convencido de que Illa liderará próximo Executivo catalán.

Illa, pola súa parte, asegurou que é "obvio o esgotamento" da suma de ERC, Junts e CUP. Neste sentido, vaticinou que as forzas soberanistas non lograrán ter unha maioría no Parlament de Catalunya cos resultados do 12 de maio. Ademais, rexeitou que as eleccións anticipadas sexan un plebiscito á estratexia de desxudicialización do procés, e asegurou que a súa candidatura está preparada para enfrontar a seca, a educación, a mellora das infraestruturas e a reforma da sanidade, entre outras cuestións.

Entre os asistentes á clausura do 15 Congreso de PSC, estaban a ministra Pilar Alegría e o ministro Jordi Hereu; a vicepresidenta do Goberno estatal, Maria Jesús Montero; o ex president da Generalitat valenciana, Ximo Puig, o secretario de Estado de Comunicación, Frances Vallès, e o secretario xeral do PSOE de Cantabria, Pablo Zuloga.

Tamén acudiron como convidados fraternais a voceira de Junts, Josep Rius; o presidente de ERC no Parlament, Josep Maria Jové; o responsábel de política municipal dos Comuns e alcalde do Prat de Llobregat, Lluís Mijoler; o presidente do PDeCAT, David Bonvehí; o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, e o seu homónimo en Catalunya, Camil Ros, o secretario xeral de CCOO en Catalunya, Javier Pacheco, e o presidente de Pimec en Barcelona, Àlex Goñi, entre outros.

Nomeamento da nova Executiva

A nova Executiva nomea ao alcalde de Barcelona, Jaume Collboni, adxunto á primeira secretaría do partido e presidente do consello de alcaldes, mentres que o ex ministro e ex primeiro secretario do PSC, Miquel Iceta, segue como presidente do partido.

Tamén revalida o seu cargo nunha Executiva que é paritaria -31 homes e 32 mulleres- a alcaldesa de L'Hospitalet de Llobregat, Núria Marín, como vicepresidenta do PSC, Ferran Pedret mantén a área de Mellora do Autogoberno, e a que até o de agora era a voceira do partido, Èlia Tortolero, asume a Área de Igualdade e Xustiza Social.

A voceira parlamentaria do PSC e até o de agora viceprimeira secretaria de Acción Política, Alícia Romero, pasa a ser secretaria de Economía do partido, e a alcaldesa de Sabadell, Marta Farrés, pasa a asumir a Área de Infraestruturas, Mobilidade e Axenda Urbana -antes ostentaba o cargo de secretaria de Igualdade e Acción Social-.

Pola súa parte, o secretario de Organización, José Luis Jimeno, mantén ese área, mentres que a deputada no Parlament e concelleiro en Girona, Sílvia Paneque, asume a Área de Transición Ecolóxica, Enerxía e Medio Ambiente, mesmo ámbito sectorial que ostentaba na anterior Executiva baixo unha secretaría.

O delegado do Goberno español en Catalunya, Carlos Prieto, segue sendo secretario de Acción Electoral, e os deputados e deputadas Esther Niubó, Raúl Moreno e Eva Candela manteñen as áreas de Educación e Formación Profesional, Políticas Sociais e Vivenda, respectivamente.

Secretarios Nacionais

A nova Comisión Executiva conta tamén con 20 secretarías nacionais, entre as que se atopan a da ex ministra Raquel Sànchez; a ex senadora Eva Selectos, e os alcaldes Rubén Viñuales (Tarragona), Fèlix Larrosa (Lleida), David Bote (Mataró), e Fío Cañete (Sant Adrià de Besòs), entre outros. A ex presidenta do Congreso español, Meritxell Batet, asume a Presidencia do Consell Nacional do partido, nunha Executiva moi semellante á anterior mais con algúns nomes novos.

Aragonès ve ao PSC como o seu “adversario electoral”

O president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, explicou que ve ao PSC como o seu "adversario electoral" e asegurou que considera inviábel un acordo de goberno cunha forza socialista catalá que difire moito da de outros momentos históricos, como por exemplo cando o ex president Pasqual Maragall era o líder da formación.

"Para formar un goberno conxunto, moito debería cambiar o PSC e véxoo moi lonxe dos nosos postulados", expresou Aragonès nunha entrevista con La Vanguardia. Ademais, afirmou que cos de Salvador Illa si que poderían chegar a "acordos puntuais", mais non para formar un Goberno de coalición na Generalitat. Con todo, Aragonès rexeitou asinar un documento de compromiso de non pactar co PSC, como xa fixeron as formacións independentistas no Parlament en 2021: "Eu non o asinaría".

Ademais, criticou o non de Junts e os Comuns aos Orzamentos da Generalitat para 2024, que causou o adianto electoral en Catalunya e tamén que se retirasen os Orzamentos Xerais do Estado (OXE). "Deberano explicar á cidadanía e aos sectores que esperaban melloras educativas, sociais, sanitarias ou en investimentos nos municipios", concluíu.

Comentarios