Horacio Cartes recoloca o Partido Colorado á fronte de Paraguay

O empresario sumou o 46% dos apoios na xornada electoral transcorrida o pasado domingo. O Partido Colorado foi o soporte da ditadura de Alfredo Stroessner desde 1954 a 1989. 

Millonario e dono dunha das maiores empresas de tabaco, Horacio Cartes converteuse este domingo no novo presidente de Paraguay. Após 6 meses do golpe que apartou a Fernando Lugo do goberno, o Partido Colorado recunca na presidencia dun país que gobernou ininterrumpidamente durante seis décadas. O seu reto, conseguir o recoñecemento dos países que conforman Mercosur e a Unasur malia as denuncias de fraude electoral que salferiron os comicios. 

O empresario destaca polo seu historial xudicial. Ao longo dos últimos anos, Cartes viuse inmerso en casos de contrabando de tabaco e evasión fiscal protagonizando mesmo un dos cables diplomáticos publicados por Wikileaks. Nel o xa presidente era sinalado como un dos líderes dun entramado encamiñado ao branqueo de capitais. 

O seu currículo e os intereses empresariais que representa dificultarán a aceptación do novo goberno paraguaio por parte d@s mandatari@s da rexiión --nomeadamente aquel@s que encabezan procesos transformadores.

Cumpre lembrar que após o golpe que destituíu ao presidente Fernando Lugo --liderado polos senadores do Partido Colorado-- as organizacións de integración rexional (Mercosur e Unasur) deixaron de recoñecer ao goberno como membro de pleno dereito á espera de se produciren eleccións democráticas e após considerar que o procedemento empregado para desbancar a Lugo constituía un "golpe de Estado institucional".  

Comentarios