Análise

A Hispanidade é máis que un xenocidio

Porén, este masacre dun alcance inédito na historia pouco lle importa aos defensores da Hispanidade, preocupados, hoxe como onte, por unha construción doutrinal que vincula o proxecto español do futuro ao seu pasado imperial.
Paracaidista do Exército español, onte, durante o desfile militar en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Paracaidista do Exército español, onte, durante o desfile militar en Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O Día da Hispanidade é unha homenaxe ao xenocidio cometido polos conquistadores casteláns en América. Segundo o investigador estadounidense H.F Dobyns, o 95% da poboación total americana morreu nos 130 anos que seguiron a chegada de Colón, fixando só para México, os investigadores de Berkeley Cokk e Borah, unha diminución de 24,5 millóns de persoas entre 1518 e 1623, máis do dobre da poboación da península, situada á volta de 1492 en 10 millóns de habitantes.

Porén, este masacre dun alcance inédito na historia pouco lle importa aos defensores da Hispanidade, preocupados, hoxe como onte, por unha construción doutrinal que vincula o proxecto español do futuro ao seu pasado imperial.

O sentimento da Hispanidade naceu da derrota de 1898 e conformou desde aquela o eixo central da alternativa reaccionaria no Estado.

Formulada por primeira vez en 1909 por Miguel de Unanumo, unha vez constado que “España deixou de ser unha nación americana”, a Hispanidade foi un concepto chave na alternativa da Xeración do 98, cuxa influencia resultou decisiva até hoxe no pensamento español de esquerda a dereita, supoñendo unha nova proposta doutrinal centrada no combate á disidencia interna, concretamente aos nacionalismos da Galiza, Euskadi e Catalunya, apoiada nun movemento autenticamente popular de masas, articulado sobre un aparato estatal máis compacto e nun réxime de opinión publica descoñecido até o momento.

“Unidade de destino no universal”

A idea non tardou en sumar vontades no espectro máis reaccionario do escenario político e en ser asumida como ideoloxía oficial do Estado. Neste proceso, xogou un papel decisivo Ramiro de Maetzu, intelectual orgánico da dereita durante décadas, quen en 1934 deu ao prelo o seu folleto Defensa de la Hispanidad, onde interpretou o pasado como proposta de futuro, defendeu a recuperación dos valores asociados ao imperio para combater os “inimigos internos” e formulou que “os pobos hispanos só atoparán a paz no seu centro, que é a Hispanidade”. A análise de Ramiro de Maetzu e o corpo teórico de José Ortega y Gasset foron a base da definición de nación de José Antonio Primo de Rivera como “unidade de destino no universal”.

O 12 de outubro como “Día da Hispanidade” celebrouse oficialmente entre 1958 e 1987. Malia que a data foi celebrada como “Día da Raza” desde 1918 -momento en que foi instituída como “festa nacional” por Alfonso XIII no marco da axenda de renacionalización impulsada desde o aparato do Estado para construír un futuro/destino común tras a derrota de Cuba-, foi o Goberno de Francisco Franco quen lle outorgou esa denominación.

A isto contribuíu a asunción do pensamento de Ramiro de Maetzu como doutrina oficial do réxime e a afirmación da hispanidade como unha arma ideolóxica contra a “Antiespaña”, outro concepto de Maetzu asumido polo franquismo para referirse á “conspiración interna cos aliados externos”.

A funcionalidade política do concepto de hispanidade non ten mudado no substancial nestes últimos 120 anos. Así, neste momento, representa unha actualización da axenda ideolóxica do españolismo, coherente coa súa formulación por parte das xentes do 98, para facer fronte á crise do réxime da II Restauración, esporeada pola actuación dos nacionalismos, fundamentalmente o catalán.

Comentarios